Ourense acollerá un curso da Fundación Telefónica sobre datos a gran escala aplicados aos negocios

mércores, 16 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa


Tense falado moito da desinformación que produce o exceso de coñecemento, pero o argumento deixa de ter a consistencia que tiña en canto se poñen en xogo ferramentas que son quen de facer cos datos o que a nós, a estas alturas, seríanos imposíbel: xestionalos e manexalos para atopar claves, pautas e descubrimentos que convertan o caos en orde, o desbotado en útil (ou mesmo en extremadamente útil). De capacitarnos sobre estas ferramentas con vistas aos negocios é do que trata en boa medida a acción formativa que preparan para finais de xaneiro o Concello de Ourense e maila Fundación Telefónica.
Trátase de Big Data Business, o segundo módulo do proxecto Conecta Emprego, unha iniciativa conxunta das dúas devanditas entidades que achega capacitación e adestramento (dende novembro) en competencias dixitais e tecnolóxicas co gallo de facilitar a inclusión laboral dos ourensáns e ourensás neste novo nicho empresarial.
Segundo fixo saber esta semana o alcalde Jesús Vázquez, “estamos ante unha proposta pioneira e de referencia en toda España para a formación e busca de emprego no marco das novas tecnoloxías”. O rexedor tamén engadiu que o obradoiro ofrecerá un total de 25 prazas. Asemade, lembrou que o primeiro curso do proxecto Conecta Emprego, o módulo Big Data Processing, supuxo “a primeira vez que a Fundación Telefónica ofreceu fóra de Madrid ou Barcelona unha formación tan exhaustiva e completa” polo que chegou a contar con solicitudes de persoas residentes noutros puntos do ámbito estatal, como Sevilla.
A presentación da nova acción formativa celebrouse durante unha visita ao alumnado do módulo Big Data Processing, nun acto que tamén contou coa presenza do concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Jorge Pumar; da directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez e do director de Relacións Institucionais da Fundación Telefónica, Joan Cruz.
Dezasete alumnos están a piques de rematar esta primeira actividade formativa, e máis da metade atópanse na busca dun emprego.
O segundo módulo desenvolvarase entre o 28 de xaneiro e o 14 de marzo no Centro de Innovación Social Dixital La Molinera, de 8:30 a 14:30 horas. Poderá participar calquera persoa con máis de 18 anos e estudos básicos ou medios (ESO, Bacharelato, FP Básica, FP Grao Medio). O alumnado será elixido trala súa pre-inscrición e logo terá que superar un test de aptitude lóxico-matemática e unha entrevista.
Ao longo da súa formación, o alumnado desenvolverá a súa capacidade de conceptualizar proxectos de transformación dixital, aprenderá metodoloxías de visualización e adquirirá coñecemento do potencial das disciplinas que configuran o Big Data: Arquitectura Big Data, Enxeñería Big Data, Data Science/Machine Learning e Data Visualización.


PUBLICIDADE