Oukitel comercializa un clon do iPhone X

venres, 2 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Nos últimos anos a marca chinesa Oukitel fíxose bastante popular polos seus smartphones con baterías de elevada capacidade, como o Oukitel K10000 (con batería de 10.000 mAh), pero desta volta regresa á actualidade por un produto menos digno pero moi rechamante: o Oukitel U18.
O novo teléfono, que estes días ofértase a 159,99 dólares (128 euros), é unha das copias máis descaradas que podemos atopar do deseño do iPhone X, chegando incluso a replicar o seu notch (a trabada que ten a pantalla para acubillar a cámara frontal e varios sensores).
Non deixa de resultar curioso que pese a estarmos ante un teléfono que emprega o seu deseño como reclamo, tivesen o detalle de dotalo dunha configuración bastante completa, xa que o móbil ten unha pantalla de 5,85 polgadas cunha relación de aspecto 21:9 (aínda que cunha resolución de só 1.512 x 720 píxeles), procesador MediaTek MT6750T de 8 núcleos, 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno, dobre cámara traseira 16 e 5 Mpíxeles con sensores Sony, cámara frontal de 13 Mpíxeles, batería de 4.000 mAh (que se carga por USB-C incluíndo un cargador de 2 amperes), desbloqueo de pantalla facial, sistema operativo Android 7.0 e traseiras en cor negra ou dourada.
Aparte de que o produto non oculta en ningún momento a súa marca, un dos detalles que permitirá distinguilo rapidamente dun iPhone X é que na súa parte traseira conta cun lector de pegadas dixitais.

PUBLICIDADE