Os xornalistas mostran ante a rapazada como facer bo uso das novas tecnoloxías

venres, 22 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

O colectivo de xornalistas da nosa terra estase a botar aos nosos centros de ensino para mostrar os vieiros da nova comunicación, as importantes posibilidades que abre a profesión e, tamén, como facer bo uso comunicativo e informativo das novas tecnoloxías dixitais. Este é en parte a cerna do programa Xornalismo na Escola La Caixa, unha iniciativa itinerante de divulgación que os días vindeiros vai levar aos nosos profesionais polos centros docentes de Pobra do Caramiñal (luns 25), Ourense (luns 25), Moraña (martes 26), Coles (martes 26), Laxe (mércores 27) e Xinzo de Limia (xoves 28).
Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a miles de rapaces e rapazas de toda a Comunidade. Susana Bastón Carballo, Pablo Díaz Bouza, Davide Fernández García, David Fontán Bestilleiro, Alfonso González Redondo e Edgar Melchor Fernández son os e as xornalistas que están impartindo talleres en distintas localidades galegas.
Durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, mostrarán perante a mocidade o funcionamento dos medios de comunicación e estimularán o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas Tecnoloxías de Información e a Comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.
Este proxecto, que se pode seguir en Twitter baixo o cancelo #XornalismoNaEscolalaCaixa, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa. As tres primeiras edicións de Xornalismo na Escola La Caixa desenvolveron en 2016, 2017 e 2018 uns 250 talleres de comunicación nun cento de puntos da xeografía galega.
Este sería o programa final de actividades para a semana entrante:
· Luns 25 no IES da Pobra do Caramiñal, entre as 10:40 e as 12:20, entre as 12:40 e as 14.20 e entre as 16.20 e as 18.00 horas. Imparte os obradoiros David Fontán Bestilleiro.
· Luns 25 no IES Otero Pedrayo de Ourense, entre as 11:20 e as 12:50 e entre as 13:00 e as 14:30 horas. Imparte os obradoiros Edgar Melchor Fernández.
· Martes 26 no CPI Santa Lucía de Moraña, entre as 13:15 e as 15:00 horas. Imparte o obradoiro Alfonso González Redondo.
· Martes 26 no CPI Antonio Failde de Coles, entre as 14:30 e as 16.00 horas. Imparte o obradoiro Edgar Melchor Fernández.
· Mércores 27 no CPI Plurilingüe Cabo da Area de Laxe, entre as 9:35 e as 11:05 e entre as 11:15 e as 13:00 horas. Imparte os obradoiros Davide Fernández García.
· Xoves 28 no IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia, entre as 10:30 e as 12.10 e entre as 12.30 e as 14:10 horas. Imparte os obradoiros Edgar Melchor Fernández.

PUBLICIDADE