Os xornalistas e os enxeñeiros de Telecomunicación da nosa terra unen forzas

xoves, 15 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Un acordo para impulsar conxuntamente a formación e o impulso profesional dos colectivos galegos de xornalistas e de enxeñeiras e enxeñeiros de Telecomunicación, poñendo o foco nos múltiples e enriquecedores ámbitos onde unha profesión conflúe coa outra. Así se podería definir o acordo asinado hoxe entre o presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), Julio Sánchez Agrelo, e o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), Francisco X. González Sarria, un convenio marco de colaboración para, nas súas palabras, “instrumentar e regular a súa colaboración de cara ao interese común de ámbalas dúas entidades”.
Segundo engadiron, o convenio abrangue o desenvolvemento conxunto de actividades e proxectos en beneficio de ambos colectivos, entre as que se atoparían actividades formativas, eventos, publicacións, traballos de investigación ou dossieres informativos sobre temáticas de utilidade común.
O obxectivo da AETG ao abeiro desta alianza profesional e doutras análogas, xunto co Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, é o de “promover a cooperación e a colaboración para o desenvolvemento e a incorporación das novas Tecnoloxías das Telecomunicacións e da Sociedade da Información en diferentes ámbitos profesionais”.
Asemade, o convenio asinado hoxe abéirase aos esforzos do Colexio de Xornalistas por “estabelecer vías de colaboración con outros colexios e organizacións profesionais, de cara a socializar as problemáticas da profesión xornalística e defender os e as comunicadoras buscando intereses compartidos e realizando accións en común con outros colectivos profesionais”.
No acto de sinatura, os dous representantes valoraron positivamente esta iniciativa conscientes de que redundará, sinalaron, no beneficio dos colectivos profesionais aos que representan e do conxunto da cidadanía.

PUBLICIDADE