Os xogos de Nintendo 3DS serán máis caros en formato descargable

luns, 13 de agosto do 2012 Marcus Fernández

O vindeiro venres vai ser un día importante na distribución de videoxogos para a Nintendo 3DS, pois a consola portátil de Nintendo vai recibir o xogo New Super Mario Bros. 2 tanto nas tendas físicas como a través da Nintendo eShop (tenda de descargas), tratamento que tamén recibirán os novos títulos New Art Academy e Freakyforms Deluxe: Tus creaciones cobran vida. A única diferenza entre a versión física e a descargable debería ser que a primeira iría en cartucho e a segunda gravaríase na tarxeta SD da consola, pero ao parecer non vai ser totalmente así, pois por unha banda Nintendo premiará a quen merque a descarga co dobre de puntos estrela (que serven para adquirir produtos do Club Nintendo) pero, pola contra, o seu prezo sería asombrosamente máis caro.

New Super Mario Bros. 2 será un dos primeiros títulos en chegar simultaneamente en formato físico e como descarga para 3DS

Polo momento xa sabemos que New Super Mario Bros.2 custará 40 libras esterlinas na eShop, mentres que nas tendas véndese a 29,99 libras, mentres que New Art Academy e Freakyforms Deluxe custarán 29,99 libras e 24,99 libras na eShop (cando o prezo de ambos en soporte físico sería de 199,99 libras), polo que podemos entender que de xeito xeral estariamos ante un sobrecusto de 10 libras esterlinas polo formato descargable dos xogos, que só pode xustificarse como imposición das cadeas de distribución tradicionais, xa que é un abuso para o usuario final, que ten que pagar do seu peto o soporte do xogo e carece da oportunidade de vendelo de segunda man no futuro no caso de optar pola descarga.
No caso español non saberemos os prezos de venda ata o venres, pero entendemos que a situación aínda podería ser máis grave, pois a disparidade de prezos que temos en España é moi grande, e aínda que New Super Mario Bros. 2 ten un prezo oficial de 45,95 euros, é posible conseguilo ata por uns 10 euros menos, de xeito que a diferenza de prezo entre o produto físico e o descargable podería ser moi pronunciada.

Calendario de lanzamentos para Nintendo 3DS

A secuela de Luigi’s Mansion non chegará ás tendas ata a primeira metade de 2013

Pero esta non é a única nova de Nintendo que dá que falar, pois veñen de publicar o calendario cos seus novos lanzamentos (para EE.UU.), entre os que figura que o agardado Luigi’s Mansion 2 adíase ata a primeira metade de 2013.
Entre as datas que figuran destacan Paper Mario: Sticker Star para o 11 de novembro e a nova aventura do Profesor Layton para o 28 de outubro. Tamén datan para setembro o FIFA 13, para outubro os xogos Angry Birds Trilogy e Rompe Ralph, Epic Mickey: Power of Illusionpara novembro, Rabbids Rumble e Scrybblenauts Unlimited para o Nadal e LEGO The Lord of the Rings e Spy Hunter no outono. Estas datas non serán iguais en Europa, pero poden servir para facernos unha idea da data na que chegarán ás nosas tendas estes interesantes títulos que animarán o catálogo para a Nintendo 3DS e 3DS XL.

Confírmase que en novembro poderemos adquirir o Paper Mario de 3DS

PUBLICIDADE