Os xogos de Golden Axe están dispoñibles de balde en dispositivos móbiles

venres, 18 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Este ano os beat’em up da franquía de Golden Axe, que tanto éxito tiveron en máquinas recreativas, poden celebrar os seus 30 anos, e para facilitar a recuperación deste referentes do seu xénero, esta mesma semana combináronse as súas 3 entregas nunha única aplicación para iOS e para Android, que poden descargarse completamente de balde, coa posibilidade de eliminar a publicidade integrada pagando 2,29 euros por cada xogo ou 5,49 euros polos 3.
Estes xogos ofrécense de balde ao incorporarse á colección SEGA Forever, sendo especialmente atractiva a súa consolidación nunha única aplicación, xa que simplifica o acceso a estes xogos que marcaron unha época e un xénero, deixando en mans do usuario se quere pagar por eles ou aturar a publicidade integrada.
As tres entregas de Golden Axe en versión móbil permiten gozar dos seus gráficos e mecánicas orixinais, estando os controis adaptados tanto para pantallas táctiles como a mandos externos, o que agradecerán os nostálxicos dos xogos de 16 bits.

PUBLICIDADE