Os xogos de Contra chegan a máquinas actuais nunha nova recompilación

mércores, 12 de xuño do 2019 Marcus Fernández

A saga de videoxogos de Contra (que en España nacera co nome de Gryzor) tivo un grande impacto no seu tempo (finais dos anos 80 e primeiros dos 90) chegando a máquinas recreativas, ordenadores persoais e consola de videoxogos, e para poder recuperar estes títulos e gozalos en máquinas actuais sae hoxe á venda por 19,99 euros Contra Anniversary Collection, recompilación para Xbox One, PlayStation 4, PC (Steam) e Nintendo Switch (polo momento só no Xapón).
Os xogos incluídos nesta recompilación son o Contra de recreativa, Super Contra, a versión estadounidense de Contra, a versión xaponesa de Contra, Super C, Contra III: The Alien Wars, Operation C, Contra Hard Corps, Super Probotector Alien Rebels e Probotector, colección que marcou unha época, e que destacou en moitas plataformas polo seu tratamento da violencia (sometida a unha especie de censura para poder chegar a un público máis amplo).
Contra Anniversary Collection inclúe tamén un Bonus Book con documentos e bosquexos, a cronoloxía oficial da saga, unha entrevista co veterano produtor e máis contidos que axudarán a coñecer mellor esta franquía.

Tráiler de Contra Anniversary Collection

PUBLICIDADE