Os xigantes da música obrigan a Grooveshark e pechar e pedir desculpas

luns, 4 de maio do 2015 Fernando Sarasketa

Non todos os servizos de música en streaming son iguais. Segundo ten feito saber en repetidas ocasións a gran industria discográfica, unha cousa é Spotify, que paga por achegar cantidades inxentes de música aos internautas, e outra ben diferente é Grooveshark. Porén, as diferenzas son sutís e non se ven a simple vista, polo menos os usuarios non somos quen de velas así como así. Pero, en que se distinguen? Pois no devandito: Spotify cumpre coa industria e os artistas, e o Grooveshark non. O primeiro ten modalidades de pago e de balde con publicidade, e o segundo non tanto. Consecuencia de todo isto: Spotify segue para adiante, cos seus problemas e as súas cousas, e Grooveshark... simplemente pechou a porta. Ou mellor dito: pecháronlla.
Segundo fan saber os medios estes días, os responsábeis do servizo libre de música en streaming víronse obrigados a asinar cun acordo cos xigantes da música debido ás presións exercidas polo sector, empresas entre as que se contan Sony Music, Warner ou Universal. As presións ían dirixidas a rematar co cese de emisións. Esta situación de tirapuxa perpetuouse durante certo tempo, pero finalmente a balanza rematou por inclinarse ao favor das empresas. Neste intre, que queda de Grooveshark logo da batalla? Pois un comunicado de despedida do equipo responsábel, que agradecen a confianza depositada nel e o compromiso dos usuarios a prol da música e a cultura libre (libre no sentido de gratuíta e accesíbel ao cen por cen). No comunicado tamén se admite parte da culpa no que atinxe á actual situación de peche, se cadra como condición indirecta estipulada polos xigantes do sector para que o tema non fose a máis e ficara como estaba.
Segundo o acordo asinado entre as partes en litixio, Grooveshark accede ao cesamento de todas as súas actividades pechando de contado a súa páxina web, limpando os seus servidores de toda a música destas empresas discográficas, e entregando a súa web, as aplicacións móbiles e calquera outro contido do que teñan a propiedade intelectual. Pola súa parte, a Asociación de Industria Discográfica de Estados Unidos (RIAA) pendurou un comunicado de seu, na súa páxina web, no que ve este peche como “un trunfo para toda a industria musical”. Ao seu xuízo, Grooveshark obtivo beneficio durante unha década e sen compensar aos artistas e compositores de ningunha maneira pola achega libre das súas cancións.

PUBLICIDADE