Os vindeiros iPhone poderían ter cámara traseira tripla

venres, 11 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

The Wall Street Jounal está a adiantar o que podería ser a futura liña de móbiles iPhone de 2019, que repetiría o esquema de 2018 pese aos seus resultados peores do agardado. Aseguran así que Apple poría á venda tanto dous smartphones con pantalla OLED, dos que o superior integraría unha cámara traseira tripla, como un smartphone con pantalla LCD, que collería o relevo do iPhone Xr e que pasaría a incorporar cámara traseira dual.
A posibilidade dun iPhone 11 (nome co que se refiren coloquialmente aos futuros teléfonos de Apple) con cámara traseira tripla leva tempo rumoreándose, polo que non sorprende que xa poidamos ver renders coa aparencia que podería ter o futuro móbil.
Segundo os rumores, o modelo de iPhone con pantalla de 5,8 polgadas non tería cambios visibles na cámara, e sería o de 6,5 polgadas o que tería a cámara mellorada, mudando a política actual na que ambos iPhone Xs diferéncianse unicamente no tamaño de pantalla e non en prestacións.
Cómpre lembrar que aínda que estas filtracións poidan estar ben fundadas, os vindeiros iPhone aínda son produtos en desenvolvemento, e poderiamos estar a falar de prototipos que serán totalmente desbotados, como aconteceu noutras ocasións nas que os rumores non se cumpriron pese a chegar de fontes solventes.

PUBLICIDADE