Os videoxogos e a tecnoloxía volverán destacar nunha nova edición de ExpOtaku

venres, 6 de maio do 2022 Marcus Fernández

ExpOtaku volve un ano máis ao recinto feiral de EXPOCoruña para celebrar tres xornadas consecutivas (entre os días 20 e 22 de maio) protagonizadas pola animación xaponesa, o cosplay e os videoxogos, así como moitos outros elementos culturais afíns, o que atrae a milleiros de participantes todos os anos.
A edición deste ano de ExpOtaku A Coruña ten xa publicado o seu programa de actividades, que volve ser extraordinariamente variado, e do que podemos destacar torneos de videoxogos como Puzzle Booble 4, Street Fighter V: Champion Edition, Mortal Kombat 11 Ultimate Edition, Jojo’s Bizarre Adventure: All Star Battle, Naruto Shippuden Ultimate Ninja Storm 4: Road to Boruto, Melty Blood Type Lumina, My Hero One’s Justice 2, Pokémon Espada y Escudo, Twinkle Star Sprites, Kimetsu no Yaiba: Hinokami Keppütan, BlazBlue: Central Fiction, Guilty Gear Strive, Mario Kart 8 Deluxe, FIFA 22, Windjammers, Super Smash Bros. Ultimate, Tekken 7, Dragon Ball FighterZ, Jump Force e The King of Fighters XV; así como a posibilidade de practicar xogo libre nunha serie de consolas Nintendo Switch, PS3, PS4, PS5, Wii U, Xbox 360, Xbox One e Xbox Series S, así como a un simulador de condución e a sistemas PlayStation VR.
Tampouco faltarán no recinto máquinas recreativas musicais, a posibilidade de gozar de xogos independentes, diversas actividades ao redor do mundo de Star Wars no que se tocan elementos como a robótica, e tamén unha sección organizada pola Escola de Imaxe e Son de Vigo na que se exploran técnicas como o video mapping, a retransmisións de videoxogos en liña ou o modelado 3D con Blender.

PUBLICIDADE