Os videoxogos e a realidade virtual centraron a segunda xornada de Utopía Noroeste

venres, 20 de novembro do 2020 Redacción

O congreso Utopía Noroeste trasladouse ao Pazo de Vilamarín, en Ourense, para continuar coas reflexións sobre realidade virtual, intelixencia artificial, 5G, videoxogos, nómades dixitais e cidades intelixentes. Na xornada do venres os protagonistas foron os videoxogos e a realidade virtual.
O mozo produtor musical Denis Siks relatou a súa traxectoria profesional centrada na creación musical para videoxogos de ritmo, e como, desde o seu estudio doméstico de Cangas conseguiu traballar para empresas de videoxogos internacionais, de Xapón, Taiwán e EE.UU. Denis Siks explicou en que consiste a creación musical para videoxogos de ritmo, como chegou a producir música para os xogos máis potentes desde o seu estudo en Cangas do Morrazo, como é a relación con outros produtores musicais e tamén co seu público. Tamén explicou como viviu el a pandemia, xa que fronte ao que cabería esperar, polo menos nun primeiro momento, non viu aumentar o volume de traballo, senón máis ben ao revés.
A xornada serviu tamén de marco para a presentación do Libro branco do desenvolvemento español de videoxogos, por parte de Antonio Fernández. Desde Utopía Noroeste impulsouse esta primeira Edición Galicia da man da Deputación de Ourense. Este documento é unha edición especial que contén un informe para contextualizar o panorama da industria do videoxogo e as súas tendencias de futuro en Galicia. O Libro Branco diríxese aos estudos desenvolvedores, aos profesionais actuais e futuros, ás entidades públicas e tamén a investidores privados nacionais e internacionais, así como a toda a sociedade, ao ser unha inmellorable ferramenta para coñecer en profundidade a industria e o mercado do videoxogo en España e solicitar toda a información posible para a toma de decisións e a elaboración de plans de investimento e apoio público para os próximos anos, ao tratarse dun sector en constante crecemento que move a profesionais de diversas disciplinas, moitas delas do ámbito cultural e tecnolóxico.
Antonio Fernández sinalou que na súa presentación a microsegmentación das empresas galegas dedicadas ao sector, e a necesidade de que crezan non tanto en número senón en tamaño para xerar un músculo empresarial potente capaz de ter máis visibilidade e atraer o apoio das administracións públicas. A referencia para Galicia debese ser Cataluña, por número de empresas, facturación e emprego xerado. Tamén afirmou que a idea de negocio no sector debe ser local, pero cunha visión deslocalizada, de competencia global. Antonio Fernández insistiu ademais na necesidade de medidas de apoio aos novos creadores, con plans de bolsas para o talento e programas de prácticas formativas.

Premios para novos creadores

Na segunda xornada do Congreso entregáronse por primeira vez os galardóns da categoría de Creación de Videoxogos, dos Premios Xuventude Crea, unha área incorporada como novidade nesta edición 2020 deste programa desenvolvido desde hai 10 anos pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia para premiar o talento de persoas mozas creativas galegas. Cristina Pichel, Directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, presentou os seis proxectos finalistas, todos eles cun denominador común: a capacidade de levarnos desde o xogo e o entretemento á sensibilización social, en diferentes áreas. Os seis finalistas presentaron os seus proxectos. Gatipedro de And Jess, Fofo e a pesca do lixo, de Anzol, Azvy presentou O camiño do galego, Elvia o xogo de fantasía Odal , Enxebre presentaron Galimpa e a colectivo María Pita presentaron Cruña Invicta. O primeiro premio foi para Odal, un xogo de fantasía protagonizado pola moza Elvia, unha aprendiz de maga que crea conciencia inclusiva e ecoloxista. O segundo premio para Cruña Invicta, un videoxogo documental que recrea a invasión dos ingleses capitaneados por Drake no século XVI, defendida na Coruña pola valerosa María Pita, e o terceiro premio recaeu en Fofo e a pesca de lixo, cun elevado compoñente ambiental e educativo.
A xornada do venres completouse coa intervención de Edgar Martín Blas, responsable de Virtual Voyagers, e un dos máis máis destacados especialistas en realidade virtual do noso país. Martín Blas contou como serán os cascos ou lentes de VR que se están facendo máis populares e das que xa se venderon máis de 20 millóns de unidades, desenvoltas por Facebook e Oculus; e avanzou que as grandes empresas que están a investir neste tipo de dispositivos apostan por modelos cada vez máis lixeiros, sen cables e máis parecidos a unhas convencionais lentes de sol. Pero os avances non só están nos dispositivos senón tamén nas experiencias. Facebook está xa traballando nunha cidade virtual onde será posible apuntarse a eventos concretos, e xa existe a posibilidade de vivir concertos co artista actuando en tempo real e o público asistindo desde calquera lugar do mundo con conexión; ou empresas turísticas que aplican a VR para engadir unha capa sobre imaxes reais, para mostrarnos por exemplo, como era noutro momento da historia.
Tamén mostrou curiosos prototipos, como o das próximas lentes que usaremos para realidade virtual e realidade aumentada: os seus cristais contan cun feixe que pinta luz sobre a visión da realidade, para crear unha ilusión óptica. Agora mesmo, Apple e Google están a traballar en escanealo todo (os modelos máis recentes de Apple contan con escáneres que envían esa información) e moi pronto usaremos esas lentes con aspecto das ópticas de toda a vida, para acceder a realidade aumentada, 3D e calquera aplicación imaxinable. A chegada do 5 G ademais axudará a incorporar dunha maneira moito máis áxil o contido en todas estas lentes, que xa non irán conectadas aos nosos terminais, senón a eses espazos escaneados e almacenados en cada cidade: as lentes conectaranse á gran base de datos de cada lugar e poderán engadir así ‘unha capa superposta ao mundo que coñecemos para xerar os que se desexe’, por exemplo recrear o mesmo espazo noutro momento histórico. Coa reflexións de Jaime García Canteiro e Juan Rivas, presentadores da charla, sobre onde quedan os límites éticos para controlar todas estas ‘novas capas de realidade’ terminou a segunda xornada deste congreso de innovación, tecnoloxía e ideas disruptivas.

O programa do sábado

A xornada do sábado, desde o Pazo de Vilamarín, abordará a adaptación da moda á situación actual, o emprendemento, a 5G, a integración entre contorna e avances tecnolóxicos, o nomadismo dixital e a brecha de xénero nas carreiras máis vinculadas á ciencia e tecnoloxía.
O sábado arrincará cunha charla sobre moda e adaptación aos cambios, co testemuño de Amalia Formoso, responsable da firma de moda Zurita, quen desde China explicará como a súa empresa adaptouse ás novas tecnoloxías e aposta pola moda sostible. A vicerreitora da Universidade de Vigo Natalia Caparrini reflexionará sobre as carreiras de futuro e a brecha de xénero nas denominadas STEAM (siglas en inglés de ciencia, tecnoloxía, enxeñería, arte e matemáticas) e como animar ás nenas para incorporarse nestas disciplinas.
María Rodriguez e Edo Sadikovic contarannos a súa experiencia vital en Sende, un espazo de coworking e coliving, nunha aldea do Xurés, de apenas 20 habitantes, onde transformaron casas tradicionais en oficinas modernas e espazos de traballo, que acolleron a máis de 3000 persoas nos últimos 7 anos.
Fernando Suarez, presidente do Consello Xeral de colexios de enxeñeiros informáticos, disertará sobre Ourense como provincia intelixente e o turismo do futuro. Tamén haberá un espazo para o debate sobre a implementación do 5 G, con Luís Álvarez Sestelo, presidente da asociación galega de empresas tecnolóxicas Ineo e a xestión integral a través da visualización avanzada será obxecto de análise por parte de Manuel Meijide, experto en smart cities e industria 4.0, quen desenvolverá na súa intervención o concepto do ‘xemelgo dixital’. Esta primeira edición finalizará coas reflexións sobre o emprendemento, apuntando á beira máis práctico, da man de Carlos Blanco, un chamado business angel, cunha especial e certeira visión para os negocios, emprendedor e investidor no sector das novas tecnoloxías.
O congreso está aberto a todo o público, é gratuíto e pódese seguir exclusivamente vía streaming, desde calquera punto e previo rexistro na web www.utopianoroeste.com. Estas xornadas abren un espazo para reflexionar sobre os desafíos éticos e políticos que expoñen todos estes cambios e como poden combinarse nun gran restablezo da sociedade desde unhas bases sostibles. Utopía Noroeste está cofinanciado pola Xunta de Galicia dentro do programa de promoción de turismo MICE e a Deputación de Ourense, dentro da súa estratexia de futuro, Provincia Intelixente.

PUBLICIDADE