Os vídeos musicais oficiais terán un espazo de seu en Facebook

venres, 31 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Facebook continúa a potenciar a súa posición como plataforma de vídeo, e esta fin de semana comezará a ofrecer nos EE.UU. unha sección de vídeos musicais oficiais, buscando así competir con YouTube neste ámbito no que leva anos sendo o principal referente, e a plataforma na que os artistas musicais estrean as súas creacións.
Para conseguir relevancia Facebook chegou a acordos con artistas como J. Balvín, Karol G, Sebastián Yatra, Alejandro Fernández e Calibre 50, entre outros, para ofrecer contidos en vídeo en exclusiva e os lanzamentos dos seus vídeos musicais en primicia, de xeito que quen queira ver os seus novos vídeos musicais terá que facelo dende Facebook.
Facebook está a negociar con socios en distintos mercados para promover o seu uso como plataforma para a publicación de vídeos musicais, para o que en EE.UU. chegaron a acordos con Sony Music Group, Universal Music Group, Warner Music Group, Merlin, BMG, Kobalt e moitos outros, polo que en pouco tempo podería converterse nun digno competidor de YouTube.
Dende Facebook non só queren servir para ver as estreas dos artistas do momento, senón que tamén buscan que o público descubra novos vídeos e artistas, para o que a súa sección musical incluirá apartados temáticos e listaxes de reprodución que facilitarán o coñecemento das novidades e dos grandes éxitos.
Polo momento non se sabe cando esta nova categoría de Facebook Watch espallarase a nivel global.

JPEG - 181.1 KB
Os vídeos musicais en Facebook Watch podería promover a actividade dos artistas musicais en Facebook

PUBLICIDADE