Os vellos Smart TV de Samsung perderán o acceso a Netflix

venres, 8 de novembro do 2019 Marcus Fernández

No momento de mercar un Smart TV sempre hai que se fixa na versión do software que inclúe xa que non é razoable pensar que o soporte deste software será ilimitado e as funcións smart teñen data de caducidade, como están a saber estes días usuarios de televisores conectados de Samsung de 2010 e 2011 a través de alertas que aparecen nas súas pantallas indicando que a partires do 2 de decembro, por limitacións técnicas, deixarán de ter acceso a Netflix.
Netflix é, xunto con YouTube, unha das grandes aplicacións presentes en practicamente todos os televisores conectados, e perder acceso á mesma é moi semellante a pasar a ter un televisor ordinario, aínda que cómpre advertir que iso non acontece só con Netflix, senón con practicamente todos os servizos de vídeo baixo demanda, que non son capaces de manter a compatibilidade con dispositivos vellos a longo prazo, de xeito que este mesmo ano Hulu deixou de soportar televisores de LG anteriores a 2014, en 2016 YouTube deixou de funcionar nos televisores Sony de 2012, e incluso hai servizos como Apple TV+ que chegan unicamente a televisores deste último ano. Podemos levar así a impresión de que existe unha certa obsolescencia programada, pero a situación é moi diferente, e realmente o que acontece é que os televisores tenden a ter configuracións de hardware moi limitadas que fan que as funcionalidades smart se resintan en pouco tempo, o que non afecta nin á recepción de televisión nin ao rendemento das pantallas, de aí que temos que ser conscientes que este tipo de dispositivos non poden manterse á última eternamente, pero que non é preciso mudar de televisor para estar ao día, e cómpre lembrar que chega con adquirir un dispositivo externo relativamente económico (como un Fire TV Stick) para poder continuar a acceder aos servizos en liña máis esixentes.

PUBLICIDADE