Os usuarios de balde de Spotify poderán gozar do servizo musical en altofalantes con Wi-Fi

mércores, 7 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Agora que xa temos en España os altofalantes Google Home e Amazon Echo un cambio en Spotify vai incrementar o seu atractivo amplamente, xa que a partires de agora non será preciso ter unha subscrición de pagamento para poder empregar altofalantes conectados, de xeito que os fabricantes de hardware compatible simplemente terán que facer uso da última versión do SDK de Spotify para que os usuarios poidan gozar de Spotify directamente nos altofalantes.
Os altofalantes conectados manterán as limitacións do Spotify de balde, pero dado que nos últimos meses incrementáronse as listaxes de reprodución xeradas automaticamente axustándose aos gustos do usuario, conséguese agora un grande número de cancións que poden acompañarnos toda a xornada sen ter que pagar pola subscrición ao servizo, aínda que tendo que aturar algún anuncio.
Loxicamente Spotify mantén as súas prestacións máis interesantes para os usuarios de pagamento (audio de maior calidade, funcionamento fóra de liña, saltos de canción ilimitados e ausencia de publicidade), pero o feito de que abra a reprodución en altofalantes con Wi-Fi aos seus usuarios de balde fai que máis usuarios poidan probar esta experiencia e, no caso de querer levala un chanzo máis arriba, pagar polo servizo Premium.

PUBLICIDADE