Os usuarios de Vigiliam poderán crear a súa propia tenda en liña de balde

venres, 30 de setembro do 2011 Raquel Noya

Vigiliam, a primeira rede empresarial do noso país destinada en exclusiva a fortalecer a actividade comercial de empresarios e autónomos por medio das TIC, aínda ben non fai dous meses que estreou o seu servizo e xa ten que celebrar o rexistro dos primeiros 8.000 usuarios, que se benefician dende entón das vantaxes dos social media.
Para celebralo, a firma quere recompensar aos seus membros cunha ferramenta coa que desenvolver e xestionar a súa propia tenda en liña, de maneira gratuíta e dun modo totalmente seguro, ao empregar os protocolos máis esixentes de protección de datos.
Aloxado na sección Mi Sitio, que por certo se renovou por completo recentemente, os usuarios de Vigiliam poden configurar a súa propia tenda dixital e xestionar eles mesmos os seus pedidos a través da Rede.
Asemade poden rexistrar clientes e articular a modalidade de cobro que estimen máis conveniente, así como xestionar os seus stocks e vincular o seu propio dominio á tenda.
A aplicación informática combina recursos de PHP e Javascript, e emprega MySQL como sistema de almacenamento, replicado en varios servidores.
Trátase dun servizo cuxo prezo no mercado, segundo afirman os seus responsables, “ascende a 2.000 euros”, e que Vigiliam lle ofrece sen custe algún aos 8.000 usuarios que ten rexistrados ata a data.
Esta ferramenta súmase aos máis de 20 servizos especializados que Vigiliam pon a disposición dos membros da rede e que, segundo din, “permiten aforrar máis de 20.000 euros ao ano en xestións de diverso tipo”.
Ademais das diferentes ferramentas e aplicacións que esta rede ten vixentes na actualidade, Vigiliam vén de anunciar que será posible que nun futuro próximo, “as súas empresas usuarias poidan, por exemplo, alugar dentro da rede unha oficina comercial ao mellor prezo, obter un acordo vantaxoso cunha sociedade de capital risco ou emitir facturas electrónicas”, conclúen.
De xeito paralelo, os seus responsables tamén están deseñando unha aplicación que lle permitirá aos usuarios da rede crear e desenvolver as súas propias campañas publicitarias e destinalas a aqueles usuarios que máis lle interesen.
Finalmente, a firma traballa xa na posta en marcha dun servizo de resposta de expertos e no desenvolvemento dunha ferramenta para obter financiamento sen necesidade de recorrer a bancos ou tesourerías.

PUBLICIDADE