Os televisores de Samsung estrean aplicación para recibir os contidos de Bar TV

martes, 11 de outubro do 2022 Marcus Fernández

Os locais de hostalaría que desexen proxectar encontros futbolísticos de xeito legal teñen que contratar o servizo Bar TV, que xa non é exclusivo do descodificador que subministra sen cargo adicional a plataforma, senón que agora tamén será posible gozar dos contidos directamente dende televisores conectados de Samsung a través dunha aplicación de seu.
A nova aplicación facilita ver os contidos en directo e baixo demanda de LaLiga Santander, LaLiga SmartBank, UEFA Champions League ou UEFA Europa League, incluíndo tamén DAZN Bar (que tamén achega competicións de motor, Premier League, UEFA Women’s Champions League e Turkish Airlines EuroLeague).
Deste xeito os televisores de Samsung reforzan a súa posición como dispositivos nos que gozar de contidos audiovisuais como os de Movistar+, Orange TV, DAZN, +TDP ou LaLigaSportsTV, que xunto coas habituais plataformas de streaming conforman unha grande oferta de vídeo que pode consumirse sen receptores externos, valéndose unicamente do acceso á Internet, ofrecendo unha experiencia de uso máis cómoda e práctica.

PUBLICIDADE