Os subscritores de Game Pass Ultimate poden gozar de EA Play en PC
xoves, 18 de marzo do 2021
A chegada
de xogos de ZeniMax/Bethesda a Games Pass e da función
FPS Boost para mellorar o rendemento de varios xogos de xeracións
anteriores non é a última grande novidade para subscritores do servizo de
subscrición de Xbox Game Pass Ultimate, que xa viñan gozando do servizo EA Play
sen custo adicional na súa consola, e que a
partir de hoxe ás dez da noite amplíase o beneficio tamén a PC.
Deste xeito, os subscritores de Xbox Games Pass Ultimate poden gozar no seu
ordenador con Windows 10 de máis de 60 xogos de Electronic Arts, entre os que
están títulos como Star Wars Jedi: Fall Order, FIFA 20, Titanfall
2, Need for Speed Heat, Battlefield, Command & Conquer,
Los Sims e, como grande novidade, o recente Star Wars: Squadrons
(que poderá xogarse en PC e consola).
EA Play tamén achega ofertas e promocións, así como o feito de poder probar xogos
recentes como FIFA 21 ata 10 horas para así poder decidir se interesa a
súa compra.
Para poder gozar dos xogos de EA Play baixo Windows 10 é preciso instalar a aplicación de EA
Desktop, actualmente dispoñible en beta aberta e que pode coexistir no
mesmo equipo con Origin, a tenda de xogos descargables de EA.
- A través de EA Desktop os subscritores de Xbox Game Pass Ultimate poden gozar dunha boa selección e xogos para PC de Electronic Arts