Os socialistas de Lugo únense á campaña #LugoPatrimonioMundial

luns, 7 de outubro do 2019 Redacción

Os socialistas de Lugo veñen de sumar o seu apoio oficial á candidatura do casco histórico de Lugo como Patrimonio da Humanidade, unha iniciativa que está a coller corpo nas redes sociais a través do cancelo #LugoPatrimonioMundial. Na adhesión formalizada hoxe participaron a deputada autonómica Patricia Otero, os candidatos ao Congreso e o Senado pola provincia, Ana Prieto e César Mogo, así como o secretario de Organización do PSdeG-PSOE, Jose Antonio Quiroga.
Segundo lembraron, a través desta proposta, co-impulsada pola alcaldesa Lara Méndez, quérese acadar o cuarto recoñecemento mundial para a cidade, logo das distincións recibidas pola Muralla, a Catedral e o Camiño Primitivo, todos estes elementos Patrimonio da Humanidade. O que se procura agora é lograr o mesmo selo para o casco urbano amurallado.
Como lembra o grupo socialista, o outro gran impulsor desta iniciativa foi o guía turístico Guido Álvarez (@guidoalvarezp), promotor nas redes da etiqueta-campaña #LugoPatrimonioMundial, que xa recibiu o apoio de deportistas, artistas e políticos a todos os niveis, e que contou cunha ampla repercusión nos medios de comunicación (por exemplo o comunicador local Martín Barreiro, a cantante Lucía Pérez, o ex-alcalde de Donostia Odón Elorza, o ex-rexedor lucense José López Orozco ou entidades como o Club Breogán). A iniciativa foi posta en marcha por Guido Álvarez en febreiro deste mesmo ano. Coincidindo co lanzamento no Twitter, o guía turístico recordou que a campaña dixital é un xeito, tamén, de visualizar ante o mundo as “marabillas do noso centro histórico”.

PUBLICIDADE