Os socialistas de Lugo piden que os concellos da provincia poidan desenvolver a rede de telefonía móbil

luns, 28 de marzo do 2022 S. P.

O Grupo Socialista na Deputación de Lugo defenderá no vindeiro pleno ordinario, que se celebra este martes día 29 de marzo, unha moción para reclamar á Xunta un plan para que os concellos pequenos poidan desenvolver a rede de telefonía móbil. En concreto, demandan “asumir o custo de levar a acometida eléctrica ás torres de telefonía móbil nos municipios do rural ou ben desenvolver un plan de axudas específicas para evitar o sobrecuste que estes traballos supoñen para as arcas dos pequenos concellos da provincia de Lugo”.
Na iniciativa ínstase ao Goberno galego “a que cumpra os obxectivos fixados na Lei 3/2013 de Impulso e Ordenación das Infraestruturas de Telecomunicacións de Galicia, e especialmente os relativos ao desenvolvemento de infraestruturas de telecomunicación, garantía de acceso para particulares e empresas, e eliminación da fenda dixital no rural”. Neste senso, o grupo remítese ao plan autonómico de mellora de telefonía rural para o período 2022-2023, no que se incluían os obxectivos de optimizar o servizo en 290 entidades de poboación, impulsando a cobertura que reciben 7.000 habitantes de 65 concellos galegos. A este respecto, os socialistas de Lugo din que “despois de ler estes grandes titulares, comprobamos que a realidade do investimento previsto revela a cativa aposta da Xunta pola dixitalización do rural galego e lucense”. E engaden: “En realidade o investimento total desta acción apenas acada os 4,3 millóns de euros, 3,7 deles procedentes de fondos públicos. Ou o que é o mesmo, a Xunta vai dedicar só 15.000 euros á cobertura telefónica de cada núcleo de poboación”. A xuízo, da agrupación, “as contas evidencian que a Administración autonómica é quen convida a este proxecto, pero a quen lle toca pagar é ós concellos, coas súas limitacións orzamentarias. Porque serán os concellos os encargados de atopar as parcelas para instalar as torres de telefonía; serán os concellos os encargados de poñer as parcelas á disposición da Xunta, cos seus correspondentes accesos; e serán os concellos os que teñan que sufragar os gastos de levar a acometida eléctrica a cada unha das torres”. O grupo lembra ademais que “tendo en conta que as torres poden estar asentadas en parcelas de titularidade privada, o custo total de cada torre, para os concellos, pode rondar entre os 60.000 e os 90.000 euros”.

PUBLICIDADE