Os servizos de vídeo en liña reducen a súa calidade para evitar saturar a Internet

venres, 20 de marzo do 2020 Marcus Fernández

Ao comezar a semana os operadores de telecomunicacións pedían facer un uso razoable das redes para garantir un bo funcionamento das mesmas nesta situación excepcional, e tamén podiamos escoitar voces apuntando a que os provedores de acceso á Rede poderían ter que reducir a prioridade dos contidos audiovisuais (que son os meirandes consumidores de tráfico da Internet) para garantir a calidade do servizo, pero finalmente as propias compañías de vídeo baixo demanda están a tomar medidas para evitar a saturación das redes de telecomunicacións en Europa.
A primeira compañía da que soubemos que adoptaría medidas foi Netflix, que anunciou reduciría a calidade das súas retransmisións por streaming para reducir o consumo de datos nun 25%. Esta medida aplicaríase durante os vindeiros 30 días en atención a unha solicitude realizada pola Comisión Europea a Netflix, e que tamén parece terse realizado a outras compañías, xa que acto seguido soubemos que YouTube e Amazon Prime Video tamén reducirían a calidade do seu streaming de vídeo en Europa, e incluso Apple TV+ reduciría de xeito moi agresivo a calidade da súa imaxe, o que resulta rechamante xa que destacaba pola elevada taxa de transferencia das súas retransmisións.
Confíase en que estas medidas mitiguen os efectos do elevado consumo de vídeo en liña que se realiza estes días dado o confinamento de millóns de persoas nos fogares por mor da corentena, que leva a que en horas normalmente consideradas laborais haxa un grande consumo audiovisual, o que podería provocar conxestións na Rede que prexudicase ás persoas que fan uso da Internet durante a súa actividade profesional.

PUBLICIDADE