Os segredos do modelado de datos avanzado, ao detalle nun novo curso de Vitae

martes, 20 de abril do 2021 S. P.

Os datos son un dos principais activos de calquera organización empresarial, sempre e cando teñamos os recursos precisos para xestionalos, mostralos, compartilos, ordenalos, protexelos, facelos flexíbeis e poñelos en valor. Con esta serie de factores, cuxa meta é un eficaz e eficiente comportamento da información, teremos unha base firme para que a nosa empresa non só se manteña no tempo, senón que o faga coas meirandes e máis destacadas taxas de éxito. Recursos dos que botar man para acadalo hai moitos, pero Vitae Consultores, como de costume, ofrécenos unha reposta segura, cómoda e inmediata: o curso Modelado de datos avanzado para Power BI, Excel e BBDD. Serán oito horas de formación, a desenvolver os días 24, 25, 26 e 27 de maio, a través da Aula Virtual da consultora.
Segundo explica a consultora galega, este curso de modelado de datos dimensional céntrase nos patróns de deseño básicos para “construír estruturas de bases de datos relacionais para Power Bi, Excel con Power Query e Power Pivot, e tamén con explicacións de Data Mart ou Data Warehouse en SQL Server”. A actividade formativa comeza cunha descrición xeral da teoría do modelado de dimensións e baséase na súa xustificación ao revisar as estruturas centrais involucradas nos Data Marts e almacéns de datos: táboas de dimensións conformadas e táboas de feito. O curso aplica estes principios ás prácticas de integración para Power BI, Excel con Power Query e Power Pivot e SQL Server, incluídas as mellores prácticas de almacenamento e indexación.
As sesións formativas conclúen cunha revisión da xestión de metadatos para o modelado dimensional, incluído o seguimento, a auditoría e a xeración de informes por lotes e linaxes ETL.
Estes son os obxectivos básicos do curso:
· Comprender os conceptos da táboa de dimensións, como atributos, xerarquías e uso de claves substitutas.
· Comprender conceptos de tacto de feitos, como medidas e tipos de agregación.
· Traballar coa comunidade de usuarios e as fontes de datos para planificar estruturas de feitos e dimensións que cumpran cos requisitos comerciais.
· Aplicar o coñecemento conceptual do deseño dimensional a unha implementación en Power BI, Excel Power Quere e Power Pivot e SQL Server.
· Mellorar a calidade e a rapidez das consultas e proxectos en Power BI, Excel con Power Query e Power Pivot e con BBDD.
A persoa encargada de impartir os contidos será Pablo Gómez, enxeñeiro de Son na especialidade de Son e Imaxen, Master Business Intelligence with Microsoft Technologies (MBI) e Microsoft Certified: Azure Dada Engineer Associate. Especializado no mundo do tratamento da información, con máis de cinco anos de experiencias no sector adicado en exclusiva aos datos. A día de hoxe traballa como enxeñeiro en plataformas de datos para SolidQ e domina as ferramentas do entorno BI como Data Warehouse Modelling, ETL Processes, SQL Server e Power BI. Entre as empresas que ten formado, capacitado ou asesorado atópanse Gas Natural, Sociedade Textil Lonia ou Tempe (Inditex).

PUBLICIDADE