Os riscos dun mal uso de Internet, a debate hoxe en Ponteareas

luns, 25 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

A preocupación sobre o mal uso que se lle poden tirar ás tecnoloxías entre as novas xeracións segue a orixinar demandas concretas de asesoramento, consellos e recomendacións, especialmente dirixidas para nais e pais pero tamén para titores e profesorado. Hoxe de febreiro, a partir das 19.00 horas, tratarase de resolver dende Ponteareas unha boa cantidade de dúbidas ao respecto, facéndose fincapé na principal das medidas a tomar: axudar aos nosos fillos ou alumnos a navegar nas redes do mesmo xeito que lles axudamos noutras moitas cousas da vida. A cita Perigos de Internet, que ten feitura de charla, celebrarase no salón de actos do IES Val do Tea, e vén da man da Federación de Asociacións de Nais e Pais de Centros de Ensino Públicos de Ponteareas (FANPO).
O relator da actividade será Gonzalo Sotelo, responsábel do Equipo de Investigación Tecnolóxica da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, Garda Civil da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra, e dende hai varios anos participante no Plan Director para a Convivencia e Mellora da seguridade Escolar.
Con este acto, a FANPO pretende convidar a tódolos pais e nais, persoal docente e calquera persoa interesada da comunidade educativa de Ponteareas e a súa comarca, “a fin de que se teña información de abondo sobre este tema e participar, despois do relatorio, nun pequeno coloquio onde o público exporá as súas inquietudes ou preguntas”.

PUBLICIDADE