Os retrocompatibles destacan entre os Xogos con Gold de outubro

martes, 28 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Os Xogos con Gold de outubro repiten a tendencia dos últimos meses, cun par de xogos para Xbox One independentes e moi pouco relevantes e un par de títulos retrocompatibles de Xbox 360 que poden considerarse clásicos, polo que serán moi ben recibidos por algúns nostálxicos.
Temos así que o mes de outubro comezará con Aaero, un xogo que combina tiros de ciencia ficción a grande velocidade cunha música cativadora; rematando con Hover, un xogo de parkour nun mundo aberto futurista. Ambos títulos son orixinalmente para Xbox One, recibiron melloras para Xbox One X, e poden considerarse como irrelevantes.
Pero os xogos de Xbox 360 do mes que vén si son notables, comezando por Castlevania: Harmony of Despair, unha entrega bidimensional da saga que desta volta destaca por permitir o xogo cooperativo con até 6 xogadores; e na segunda metade do mes chegará Resident Evil Code: Veronica X, entrega da saga de Shinji Mikami na que Claire Redfield atópase na procura do seu irmán Chris, o que a leva a unha illa infestada de zombis da que ten que procurar fuxir.

PUBLICIDADE