Os retos e arelas da tecnoloxía 5G, a debate esta semana por primeira vez na nosa terra

luns, 25 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Este 27 de xuño temos unha cita ineludíbel na Cidade da Cultura coas tecnoloxías 5G. Nela participarán boa parte dos principais fabricantes de móbiles dos nosos días e, tamén, as máis relevantes operadoras que traballan actualmente na nosa terra: Telefónica, Vodafone, Orange e R. Baixo o título Retos e Oportunidades do 5G, trátase dun foro pioneiro que tratará por vez primeira na nosa terra a cuestión da dita tecnoloxía móbil dun xeito tan específico e exclusivo. O obxectivo é que as principais empresas implicadas mostren os seus puntos de vista e as súas expectativas, dende unha óptica galega e sen deixar a ninguén fóra: operadores, fabricantes, clientes e administracións públicas. Os interesados en asistir pódense inscribir a través do correo cdtic@xunta.gal.
Segundo informa nun plano máis detallado a axencia AMTEGA, impulsor do evento, o encontro abordará o marco no que se desenvolverán as redes 5G, o impacto que terán na sociedade galega, os retos para a súa implantación e o potencial do hipersector TIC galego para situarse neste contexto tecnolóxico emerxente.
Como punto de partida o primeiro bloque do encontro será un relatorio sobre que son as redes 5G da man de José Carlos López Ardao, profesor da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo.
O segundo bloque abordará o marco estratéxico ante o 5G co relatorio dun representante da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital.
A continuación terá lugar unha mesa redonda na que Antonio Fernandez, responsábel do Programa Innovación 5G produto en PSA; Benigno Rosón, subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade; e Ana Ulloa, xefa de Explotación en Autoridade Portuaria de Vigo, abordarán as posibles aplicacións, as oportunidades e os beneficios que esperan do desenvolvemento das redes 5G en Galicia.
O terceiro bloque centrarase nas perspectivas das redes 5G desde a visión dos operadores e os fabricantes. Didier Clavero, responsábel de Data Core Vodafone; Tomás Alonso, director de Enxeñería de Produto de Orange; Javier Gutiérrez, director de Estratexia e Desenvolvemento de Rede e Infraestruturas de TI de Telefónica; e Norberto Ojinaga, director de Rede de R, exporán o papel que desempeñarán as 5G na economía e a sociedade e as perspectivas e problemáticas que ven sobre o seu despregamento.
A mesa redonda dos fabricantes achegará a súa visión do futuro das redes 5G e as posibilidades de uso coa participación de Iván Rejón. responsábel de mercadotecnia, comunicacións e relacións coa industria e os gobernos de Ericsson; Álvaro Sánchez, responsábel de Telefónica Account at Nokia; José Capote, xefe de vendas de solucións integradas de Huawei Technologies; e José Nicolás Domínguez-Staedke, xefe de desenvolvemento de negocio e estratexia en Colmena.
O cuarto e último bloque servirá para expoñer iniciativas específicas de uso do 5G da man de entidades que están xa desenvolver solucións concretas. Nesta mesa participan Francisco Sánchez Pons, director de ITS e Electrónica en CTAG; Yudani Riobó, responsábel de Innovación en Quobis; Luis Pérez Freire, director xeral de Gradiant e Céctor Estévez, director xeral de Centum Research & Technology.
A celebración deste foro enmárcase nas iniciativas promovidas pola Axenda Dixital de Galicia 2020, que ten como obxectivo prioritario contribuír a transformación dixital da Comunidade.

PUBLICIDADE