Os retos de Verifactu e da factura electrónica nunha nova sesión das charlas Nexos

luns, 19 de maio do 2025 Redacción

A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) acolleu esta mañá unha nova sesión en liña do ciclo de xornadas informativas Nexos, encontros por Ourense, unha iniciativa que leva máis de cinco anos achegando novidades sobre cuestións que afectan á xestión empresarial. Máis de medio cento de persoas conectáronse para asistir á sesión titulada Verifactu: claves, obrigas e segredos da facturación electrónica.
O secretario da CEO, Jaime Pereira, e o coordinador de banca institucional de Abanca, José Manuel Nogueira, foron os encargados de presentar a sesión, destacando a importancia de trasladar esta información ao tecido empresarial. A encargada de explicar os conceptos clave foi Eva María Domínguez, economista en Vento Abogados & Asesores dende 2019, licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade da Coruña e especializada en asesoramento contable e fiscal.
Durante a súa intervención, Domínguez abordou en profundidade os novos requirimentos impostos pola Administración tributaria nos sistemas informáticos de facturación (coñecidos como Verifactu) e a implantación xeralizada da factura electrónica, en liña coas últimas reformas lexislativas.
O sistema Verifactu, desenvolvido no marco da Lei 11/2021 de loita contra a fraude fiscal e do seu regulamento de desenvolvemento (RD 1007/2023), obrigará os programas de facturación a cumprir criterios técnicos estritos (como a inalterabilidade, trazabilidade e conservación segura da información) co obxectivo de previr manipulacións e garantir a transparencia. Os sistemas que remitan automaticamente as facturas á Axencia Tributaria serán considerados como sistemas Verifactu.
En paralelo, a factura electrónica estenderase a todas as relacións comerciais entre empresarios e profesionais (operacións B2B), de acordo coa Lei 18/2022 de creación e crecemento empresarial. Domínguez explicou que este tipo de facturas deberán emitirse en formato XML, estar asinadas dixitalmente e enviarse a través de portais electrónicos habilitados, tanto públicos como privados. Ademais, será obrigatoria a confirmación da recepción e do rexistro do pagamento, reforzando os mecanismos contra a morosidade.
En canto ao calendario de implantación, a relatora aclarou que o sistema Verifactu será obrigatorio a partir do 1 de xaneiro de 2026 para persoas xurídicas e desde o 1 de xullo dese mesmo ano para persoas físicas que desenvolvan actividades económicas. Pola súa banda, a obrigatoriedade da factura electrónica entrará en vigor nun prazo de 12 ou 24 meses desde a aprobación do regulamento correspondente, segundo o volume de facturación do contribuínte.
Domínguez incidiu tamén na responsabilidade dos provedores de software, que deberán acreditar o cumprimento da normativa mediante unha declaración responsable. No que atinxe ás sancións, advertiu de que poderían chegar aos 150.000 euros por exercicio no caso de incumprimento.
En definitiva, a xornada puxo de manifesto que esta transformación suporá un paso decisivo cara á modernización da xestión tributaria en España, ademais de reforzar a transparencia e o control fiscal.