Os procesadores Snapdragon 8cx permitirán equipos con Windows 10 potentes e moi portátiles

venres, 7 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Hai un ano Microsoft anunciou os primeiros portátiles con Windows 10 baseados en procesadores ARM, que presumían de grande autonomía e conectividade, aínda que foron toda unha decepción en rendemento, algo que Qualcomm quere remediar, polo que anuncia a súa nova plataforma Snapdragon 8cx, exclusiva de Windows 10.
O procesador Qualcomm Snapdragon 8cx, construído en tecnoloxía de 7 nm, non só permitirá gozar dunha autonomía de varios días, senón que tamén soportará comunicacións LTE multi-gigabit (ou sexa, que co modem LTE X24 poden descargar datos da Rede a velocidades de até 2 Gbps) e unha grande potencial gráfica, de xeito que poderá mover vídeo 4K con HDR a até 120 fotogramas por segundo e, de feito, os equipos con Snapdragon 8cx poderán controlar até dúas pantallas externas 4K.
Temos aquí o que poderían ser as bases dos primeiros ordenadores portátiles con procesadores ARM que puidesen ter certa aceptación do público, aínda que teremos que agardar ao terceiro trimestre de 2019 para velos no mercado.

JPEG - 82 KB
Deseño de referencia do que serán os portátiles con Snapdragon 8cx

PUBLICIDADE