Os principais recursos para a transformación tecnolóxica, polo miúdo en Talentia Summit

luns, 7 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

Outubro de 2019 vai pasar á historia como o mes no que, con toda probabilidade, máis e mellor se falou na nosa terra de emprendemento e as súas múltiples ramificacións. Un exemplo destacado disto é Talentia Summit 19, encontro impulsado polo Concello de Compostela e a Axencia Local de Colocación e programado para os días 21, 22 e 23 de outubro. Como dixemos en anteriores ocasións, o evento artellarase en dúas vertentes: a do 21 (co foro de relatorios estratéxicos e a xornada de apertura institucional no Auditorio de Galicia) e a vertente dos días 22 e 23 (coa Feira do Talento no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago). Os puntos en común de todo isto serán as capacidades que todas e todos atesouramos (para mellorar empresas e impulsar e renovar o sistema produtivo galego) e as oportunidades que nos brindan as novas ferramentas dixitais para dar o mellor de nós.
Este labor de optimización pode materializarse de moitas maneiras, pero está claro que a transformación dixital á que están abocadas as nosas empresas é un bo caldo de cultivo para exercitar o talento de cada quen. Cousas como automatizar procesos, minimizar custes, xerar fluidez e dinamismo nas tarefas e funcións da empresa, optimizar e mellorar a comunicación e romper barreiras a nivel internacional.
En Talentia Summit porase o foco na necesidade de xuntar dous mundos: o das e dos profesionais que veñen empurrando coas súas ideas innovadoras, por unha banda, e as empresas que destacan con diversos casos de éxito en materia de transformación tecnolóxica, pola outra. “En Talentia queremos presentar un lugar especializado no impulso dixital con proxectos referentes en Galicia a nivel europeo”. Por este motivo, empresas e profesionais presentes no encontro abordarán os seguintes temas:
· Big Data. Afondando no potencial da información a gran escala xerada polos distintos servizos web para incrementar a produtividade, a competitividade e a marxe de manobra das empresas.
· Realidade Virtual. Entendéndoa como unha contorna de escenas de aparencia real. Xerada mediante tecnoloxía informática, o usuario figúrase que está inmerso nesta realidade.
· Realidade aumentada. Conxunto de tecnoloxías que permiten que un usuario visualice parte do mundo real a través dun dispositivo tecnolóxico con información gráfica engadida.
· Impresión dixital 3D. Salientando a posibilidade de realizar unha impresión con pezas ou maquetas volumétricas, a partir dun deseño feito por ordenador.
· IoT (Internet of Things). Todo está conectado, e o eido IoT céntrase na interconexión entre obxectos cotiás e Internet. Está relacionado co fogar intelixente.
· Computación na Nube (Cloud Computing). O almacenamento de arquivos e documentos en Internet a través dun sistema que organiza todo o subido á Rede.
· Intelixencia artificial. Segundo explica a organización do Talentia, unha máquina intelixente ideal é un axente flexíbel que percibe o seu entorno e leva a cabo accións que maximicen as súas posibilidades de éxito nalgún obxectivo ou tarefa.
· Robótica. Os robots chegaron. En Talentia porase o foco nos sistemas intelixentes que realizan tarefas programadas para mellorar e optimizar o rendemento empresarial. “A industria xa é 4.0”, lembra a organización.
· Blockchain. Estrutura de datos nas que a información contida agrúpase en conxuntos (bloques) aos que se lles engaden metainformacións relativas a outro bloque da cadea anterior nunha liña temporal, de xeito que grazas a técnicas criptográficas, a información contida nun bloque só pode ser repudiada ou editada modificando todos os bloques posteriores.

PUBLICIDADE