Os praceiros do Mercado da Guarda metéronse de cheo nas redes sociais

venres, 22 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

O pasado 19 de xuño celebrouse na Guarda o remate oficial dunha actividade para levar as redes sociais ao sector da venta tradicional. Máis polo miúdo, formalizouse a clausura dun obradoiro sobre ferramentas e comunidades dixitais adicado ás praceiras e praceiros do Mercado da Guarda. No acto participaron o alcalde, Antonio Lomba e máis a concelleira de Comercio, Montserrat Magallanes. Segundo fixeron saber, o curso TIC realizouse no local de Informática San Benito dende o pasado 29 de maio, contando coa asistencia da práctica maioría dos vendedores do mercado.
Tematicamente, foron introducidas e introducidos no traballo coas redes sociais, no tratamento de imaxes, na configuración de perfís sociais e na interacción a través do perfil en Facebook Mercado de A Guarda.
Segundo fixo saber o rexedor, “o cambio na sociedade actual esixe unha adaptación por parte dos empresarios locais para a comercialización dos seus produtos e realizar novas captacións de clientes empregando as novas tecnoloxías e as redes sociais para abarcar novos mercados”.
Antonio Lomba engadiu que “depende dos propios praceiros e praceiras que esta adaptación ao novo concepto social sexa susceptíbel de proseguir, de cara a poder competir e ofertar produtos, mantendo no tempo clientes, cun trato persoal, de proximidade e cun produto ben diferenciado”.
Pola súa banda, Montserrat Magallanes destacou que “dende fai tempo trabállase na mellora do comercio e do turismo da vila, con actuacións que moitas veces non corresponden á administración, pero que somos conscientes que este tipo de actividades son necesarias e dende o consistorio local aportamos o noso gran de area para que así sexa”. Indicou tamén que “ante o novo momento de cambio da sociedade, do hábitos de consumo, todos os sectores deben adaptarse a realidade coas técnicas e campañas de promoción axeitadas”.

PUBLICIDADE