Os plans urbanísticos dos concellos poderán ser consultados na Rede

luns, 5 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

A administración electrónica vai dando bandazos en España e Galiza, e moitas veces perante a indiferenza de moitos de nós, os cidadáns, que seguimos coa teima de pensar que facelo todo a man (os trámites, neste caso) é máis seguro ca un proceso en liña. No senso de cambiar na medida do posible a situación, o Ministerio de Industria vén de asinar un acordo coa Federación Española de Municipios e Provincias (a FEMP) para (entre outras cousas) convencernos de que as comunicacións coas administracións locais na Rede son útiles. Isto pretenden conseguilo os asinantes a través da posta en marcha do Programa de Impulso da introdución das TIC na xestión urbanística municipal, proxecto que fará posible o acceso directo a través de Internet ós plans urbanísticos dos concellos.
Esta medida, que o Goberno quere empregar para “potenciar a transparencia na xestión pública do sector urbanístico”, vai encamiñada tamén a favorecer a incorporación de empresas do sector (como estudos de arquitectos ou promotoras) á Sociedade da Información. Asemade, o proxecto servirá para analizar a situación actual do afianzamento das TIC na xestión urbanística.

PUBLICIDADE