Os ornitólogos galegos presentan un noticiario en liña sobre localizacións de aves

luns, 27 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

A Rede vai consolidando paseniño a súa vertente de xanela ao medio natural e, aínda que nin este nin o seguinte fosen os seus cometidos primeiros, de espazo de traballo a prol da súa protección. Deste xeito, e tamén asumindo a Internet como lugar de conexión entre uns e outros activistas do medio, é como enfía a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) a súa experiencia en liña, unha actividade que (por certo) vén de acadar un importante repunte os días pasados coa posta en marcha do Noticiario Ornitoxeográfico Galego, proposta de coñecemento natural apoiada na Rede e máis concretamente nos seus recursos de xeolocalización (fontes de datos estreitamente ligados, nunha única tacada visual, ao lugar exacto de onde parten). Esta ferramenta en cuestión, presentada este sábado 25 en Compostela polos seus autores, xorde co gran obxectivo de servir de axuda a todos os seareiros das aves e demais cidadáns interesados, colexios, institutos, universidades, bibliotecas e organismos públicos e privados en xeral.
A día de hoxe xa inclúe máis de 14.000 entradas sobre localizacións de paxaros, todas elas achegadas por ornitólogos galegos profesionais ou afeccionados.
Durante a posta en longo do Noticiario, que contou coa presenza do novo Conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, fíxose fincapé polo miúdo nas súas características técnicas, labor que correu a cargo de Alejandro Lamas, de Sixtema, empresa encargada do seu desenvolvemento.
Segundo fixo saber Lamas, a ferramenta dixital permitirá a todos os usuarios subministrar as súas citas de avistamentos de paxaros dunha maneira automática. Estes avisos serán logo procesados e incorporados sen máis a un Sistema de Información Xeográfica (SIG) que fará posible visualizar a frecuencia de localizacións en espazos e datos concretos, ou mesmo por familias e especies. Por certo que o Noticiario está accesible para a comunidade internauta na propia web da Sociedade Galega de Ornitoloxía. Asemade, informaron os seus responsables, completaranse as súas achegas con diversos recursos estatísticos, gráficas e informes dirixidos todos eles a facilitar o camiño dos traballos de investigación colectivos sobre as especies de aves presentes na nosa xeografía. Estes detalles e máis o devanditos, sinalaron os membros da Sociedade, colocan a este colectivo na vangarda española en materia de emprego das máis innovadoras tecnoloxías ao servizo do coñecemento do medio. Por certo que o noticiario está baseado no Catálogo GIS de Sixtema, e fai uso de software libre, o que a xuízo de Lamas “serviu para centrar os recursos en desenvolver novas funcionalidades, e non no pago de licencias de software”.

PUBLICIDADE