Os organizadores da Maker Faire Galicia queren ir alén dos 150 makers participantes

mércores, 7 de setembro do 2016 Redacción

Este martes o Concello de Santiago presentou a Maker Faire Galicia adiantando algunhas novidades máis sobre o programa do evento, que se desenvolve os días 1 e 2 de outubro no Pazo de Congresos. O programa e os obxectivos da feira compostelá do movemento Maker (o movemento internacional das/os creadoras/es tecnolóxicos que reivindican a capacidade de todos e cada un de nós para facer tecnoloxía e contribuír a facer un mundo mellor a través dela) foron debullados pola concelleira de Turismo, Marta Lois, que estivo acompañada ante os medios de comunicación por dous membros do equipo organizador, Matilde Rodríguez e Enrique Saavedra.
Comezaron facendo referencia ás orixes da feira, cuxa primeira edición celebrouse en outubro de 2015, no centro comercial Área Central de Santiago, contando coa colaboración do Departamento de Promoción Económica do Concello. Esta primeira convocatoria foi quen de xuntar 138 makers. Ademais, asistiron como público arredor de 18.000 persoas. Agora, para a segunda entrega do evento, consolídase a arela de convertelo nun evento anual, referente, que “sirva de punto de encontro para a comunidade creadora, potenciando unha Galicia innovadora e colaborativa”.
Segundo fixeron saber Lois, Rodríguez e Saavedra, a fórmula de Maker Faire Galicia consiste “en reunir nun mesmo espazo e tempo a persoas que fan cousas incríbeis e están dispostas a partillalas co público”. E engadiron: “Facer visíbel a produción colaborativa da Galicia máis innovadora aumenta a inquedanza por aprender facendo á vez que se serve de punto de contacto para a transmisión de coñecemento entre as distintas xeracións”.
O programa da feira será do máis variado, tocando diferentes paus que teñen un marcado aquel de complementariedade. Serán, de feito, dous días de actividades e presentacións de proxectos sobre robótica, impresión 3D, gastronomía, electrónica, artesanía, música e arte urbana, entre outras moitas cousas. Ademais, sinalaron os organizadores, haberá espazo para obradoiros, mesas redondas, presentación de proxectos, espectáculos e actividades para todos os públicos. “Queremos ir alén das/os 150 makers participando no evento”, explicaron os impulsores da cita compostelá, ao tempo que debullaron o significado do movemento Maker: unha corrente de creación e de activismo tecnolóxico que xunta, baixo un mesmo teito, un crecente número de persoas de distintos perfís que acreditan ao máximo na filosofía do “faino ti mesmo” ou de traballar en mancomún cun mesmo obxectivo. Este obxectivo adoita ser construír tecnoloxías únicas e innovadoras que soen ter un marcado compoñente social ou solidario, ou de utilidade para o común da xente, ou para colectivos en risco. Segundo engadiron, “a cultura Maker e a súa filosofía de compartir coñecemento está permitindo a creación de novos espazos de encontro e traballo (Hackerspaces, Fablabs, Makerspaces, Techshops) nos que se fabrican as últimas vangardas tecnolóxicas e que favorecen a transferencia de coñecemento”.
Ademais, dixeron, estas novas metodoloxías impulsan a posta en marcha de novos e prometedores perfís profesionais (tecnólogo creativo, deseñador de interacción, emprendedor dunha startup de hardware, fabricante ou distribuidor de impresoras 3D, experto educativo, piloto de drons e moitos máis), de novas ferramentas educativas que funcionan con todos os públicos (e que son accesíbeis a todos a través de Internet” e, tamén, de novos tipos de festivais-feiras que potencian o uso das tecnoloxías creativas. É o caso, precisamente, da Market Faire Galicia.

PUBLICIDADE