Os obradoiros de CreaR chegan esta finde a Viveiro
martes, 18 de xuño do 2019
En
tecnoloxía, como en tantas outras cousas na vida, cómpre que
pasemos á acción. Ou sexa, que pasemos de simples usuarios a
entender o funcionamento das novas ferramentas e dispositivos e mesmo
que nos animemos a facelos nós mesmos. Quen queira dar este paso vai
ter unha boa oportunidade para evolucionar da man da operadora galega
R. Ao
abeiro do seu proxecto educativo-tecnolóxico CreaR para pequenos e
maiores, o sábado 22 de xuño celébrase en Viveiro unha nova
edición dos obradoiros de robótica e as charlas didácticas da
operadora, nas que se vai poñer o foco, novamente, nas bondades que
as novas tecnoloxías nos ofrecen se se fai un bo uso delas.
Como
lembraremos, os obradoiros de CreaR están dirixido a pequenos
(mostrándolles os beneficios estimularen as súa capacidades pola
vía da programación, a robótica e a Intelixencia Artificial) e
maiores (achegándolles recomendacións, pautas e claves para teren
unha alfabetización dixital axeitada e garantirlla, tamén, á xente
máis nova).
A
nova andaina do programa comezou os
días pasados no
Fórum de Carballo e proseguiu logo en Vilanova de Arousa, en
Ourense por partida dupla e en
Ferrol, na Escola Politécnica Superior da Universidade da Coruña.
A
nova etapa de CreaR, incluída a cita de Viveiro, inclúe varias
vertentes. En primeiro lugar, retómanse os obradoiros de robótica
para nenas e nenos de entre 7 e 12 anos, cos que se quere “potenciar
a creatividade dos cativos, espertar o seu espírito emprendedor e
adestralos en habelencias como o traballo en equipa ou a oratoria”.
Segundo informa R, o proxecto temático destas novas xeiras será a
programación e construción dunha cidade, incluíndo cousas como un
coche con plastilina condutiva (con luz de seu), un semáforo
programado ou unha barreira de acceso. Estes obradoiros terán dúas
horas de duración e neles terán cabida un máximo de 30 nenas e
nenos. “O noso obxectivo”, explican dende R, “é achegarlles
unha experiencia divertida para gañaren en seguridade e dar saída
ao seu talento”. Ao carón disto, porase o foco nos valores do
emprendemento e nos alicerces dos conceptos STEAM: ciencia,
tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas.
Para
desenvolver ao máximo os ditos obxectivos, a operadora volverá
contar coa colaboración da escola Líbolis Pequenos Emprendedores e
o seu innovador método educativo.
A
maiores, os obradoiros CreaR tamén terán contidos para nais, pais e
docentes, que poderán escoitar (mentres a rapazada se divirte e
crea) consellos dun pedagogo especializado para resolver dúbidas
sobre a educación dos que si naceron na era dixital; e sobre o bo
uso que adolescentes e millennials poden facer da internet e
das redes sociais. Estas charlas sobre temas diversos desenvolveranse
en espazos adxacentes aos talleres CreaR e están pensadas para un
máximo de 40 persoas. Pilotando as sesións estará o equipo de
Sherpa Digital, resolvendo dúbidas sobre a contorna dixital.
Logo
de Viveiro, a xira de obradoiros visitará Nigrán, Coruña,
Pontevedra, Cangas, Betanzos e Lugo.
O
proxecto educativo CreaR está aberto ao público xeral, tanto a
clientes como a non clientes do operador galego. Tan só é preciso
contar con algún dos convites que R porá a disposición da xente
nos puntos de venda das localidades onde se celebre a acción cada
mes.
Os obradoiros
enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta (a través da
axencia AMTEGA) para estimular o talento precoz no ámbito das TIC e
fomentar vocacións nas profesións científico-tecnolóxicas
especialmente entre mozos e mozas dende idades temperás.