Os obradoiros contra a desinformación do CPXG chegan ao IES de Melide
venres, 28 de marzo do 2025
O IES de Melide recibiu na mañá deste 28 de marzo a visita de dous novos obradoiros contra a desinformación postos en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. A xornalista Sara Garea achegou á rapazada melidense as claves do espallamento das fake news e mostroulles recursos prácticos dos que poden botar man para combatela. Estes obradoiros de alfabetización mediática chegan aos centros de ensino medio da Coruña grazas a un convenio asinado coa Deputación da Coruña, a través da área de Dereitos Civís liderada pola deputada Soledad Agra.
Como dixemos, o alumnado do centro recibiu dous talleres, ás 9:30 e 11:45 da mañá, impartidos por Sara Garea López, licenciada en Comunicación Audiovisual con posgraduado en Responsabilidade Social e en Protocolo, Comunicación e Imaxe Corporativa; e especializada en comunicación corporativa. Garea conta cunha ampla experiencia de máis de 15 anos en xestión da comunicación interna e externa e na actualidade traballa para Radio Líder Santiago como redactora e locutora.
Contexto
O Colexio contextualiza estas actividades no imparábel aumento da desinformación ou a confusión entre o que é e non é un medio na contorna dixital e en como esta marea de fake news está a danar “profundamente o xornalismo”, que se enfronta a unha crise e un descrédito sen precedentes, sinala a entidade, engadindo que “na defensa da profesión queremos combater esta situación trasladando á sociedade galega este programa de formación en alfabetización mediática”.
Grazas a estes obradoiros as rapazas e rapaces do IES de Melide puideron, así, coñecer as diferenzas entre a información errónea e a desinformación, preguntarse quen e por que ten interese en enganarnos, coñecer as estratexias de espallamento das loiadas ou converterse eles mesmos en fact checkers verificadores da información.
Todos os obradoiros estarán impartido por profesionais colexiados e colexiadas, que recibiron formación específica en alfabetización mediática na xornada organizada polo Colexio de Xornalistas o pasado 14 de decembro. En concreto, as e os xornalistas que descubrirán ao alumnado da Coruña as estratexias de quen propaga noticias falsas e os recursos para contrastar información serán Pedro Costa Manteiga, Sara Garea López, Elena Martín Lores, Cinthia Piñeiro Acevedo, Miguel Rodríguez Fernández e Marga Tojo González.
Nesta fase, grazas á área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña. liderada por Soledad Agra, un total de vinte talleres chegarán nos próximos meses a dez centros de ensino secundario da provincia da Coruña.