Os novos smartphones ARCHOS Titanium chegan ao mercado cun prezo que parte dos 119,90 euros

venres, 18 de outubro do 2013 Marcus Fernández

O fabricante francés ARCHOS continúa a apostar polo sistema operativo Android para achegar ao mercado dispositivos asumibles, como a nova liña de smartphones Titanium, que funcionan con Android 4.2.2, están certificados por Google, funcionan con procesadores MediaTek 6572 de dobre núcleo a 1,3 GHz, teñen 512 Mb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD, cámara traseira de 5 Mpíxeles con flash LED, GPS, Bluetooth, conectividade 3G de ata 21 Mbps, radio FM, dobre SIM e prezos moi axustados, que van dende 119,90 a 189,90 euros.
Estes terminais pensados como smartphones para un uso diario sen grandes alardes técnicos buscan chegar a un amplo público, polo que ofrécense en distintos tamaños, que medran proporcionalmente á capacidade da súa batería. Deste xeito o ARCHOS 40 Titanium está xa dispoñible por 119,90 euros cunha pantalla de 4 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, un grosor de 8,5 milímetros, un peso de 124 gramos e unha batería de 1.500 mAh; mentres que o ARCHOS 45 Titanium pode mercarse por 149,90 ampliando a súa pantalla ata as 4,5 polgadas (cunha resolución de 854 x 480 píxeles), 10 milímetros de grosor, 152 gramos de peso e batería de 1.680 mAh.
Ao longo do mes agárdase que cheguen o ARCHOS 50 Titanium, que presume dunha pantalla IPS de 5 polgadas cunha resolución de 960 x 540 píxeles, un grosor de 9,9 milímetros, 160 gramos de peso e batería de 2.100 mAh por só 169,90 euros; mentres que os que busquen un dispositivo dun tamaño aínda maior chegará o ARCHOS 53 Titanium, cunha pantalla de 5,3 polgadas (cunha resolución de 854 x 480 píxeles), un grosor de 10,05 milímetros, un peso de 200 gramos e unha batería de 2.500 mAh, que venderase por 189,90 euros.

Táboa de especificacións da nova familia de smartphones económicos de ARCHOS

PUBLICIDADE