Os novos produtos de Televés acadan unha boa acollida na feira ANGACOM en Alemaña

mércores, 19 de xuño do 2013 Redacción

A empresa galega Televés participou os días pasados na prestixiosa feira tecnolóxica de Köln (Colonia, Alemaña), o chamado salón ANGACOM (antiga ANGA Cable), desenvolvida entre o 4 e o 6 deste mes. Segundo nos contan fontes da firma santiaguesa, a súa participación no evento non puído ter mellor acollida. Máis polo miúdo, o seu concepto de Fogar Conectado, “unha visionaria plataforma”, en palabras de Televés, “que emprega unha consola de última tecnoloxía para controlar toda unha diversidade de servizos adaptados ás necesidades particulares de cada usuario, dedicando especial atención a unha aplicación de prevención socio-sanitaria, desenvolvida para atender as necesidades de persoas maiores e permitirlles, deste xeito, levar unha vida independente”.
Na cita de Köln, para Televés unha das máis importantes de Europa, a compañía galega presentou tamén solucións innovadoras para os instaladores e integradores de telecomunicacións profesionais. “Algunhas delas causaron verdadeiro impacto”, engade, “como a funcionalidade do medidor de campo de peto H30 que permite acceso e control remoto a través da tableta iPad”. Asemade, tiveron moita repercusión entre o público profesional a instalación e a velocidade (até 1 Xbps) do Coax-Data, a solución de Televés para distribuír servizos de televisión e datos empregando cable coaxial ou de fibra óptica xa existente no fogar. Matthias Dienst, recentemente incorporado como director xerente da filial alemá de Televes Corporation, sinalou respecto de ANGACOM 2013: “A feira foi un gran éxito para a nosa compañía. Persoalmente, impresionoume comprobar a forza internacional que ten a marca Televes, que se reflectiu nun gran fluxo de visitantes de todo o mundo na nosa caseta. A resonancia que acadamos entre os clientes xermanos faime ser optimista de face ao desenvolvemento do noso negocio neste mercado”.
A organización de ANGACOM, pola súa parte, tamén fixo un balance positivo do evento en xeral, sinalando un incremento do 6% no número de visitantes profesionais, e salientando a presenza de 450 expositores procedentes de 36 países. “Unha das tendencias destacábeis foi a maior presenza de firmas procedentes de Oriente Próximo e o norte de África”, informou a organización.

PUBLICIDADE