Os novos portátiles de Dell terán unha autonomía de ata 19 horas
mércores, 13 de agosto do 2008
Pese a que se
agardaba que hoxe Dell presentase oficialmente os seus ultraportátiles de baixo
custo, a compañía sorprendeu anunciando melloras
nos seus portátiles das series Latitude e XPS, de xeito que estes
últimos contarán coa posibilidade de integrar disco SSD de 128 Gb nos seus
modelos de 15 e 13 polgadas por un prezo de 450 dólares, mentres que os equipos
Latitude teñen unha serie de melloras que serán moi ben recibidas, como a
incorporación (opcional) da retroiluminación no seu teclado (o que permite a
súa lectura en contornos escuros), unhas teclas máis separadas (e cómodas), a
funcionalidade USB PowerShare (que permite cargar dispositivos por USB aínda
que o ordenador estea apagado) e, moi especialmente, a mellora
da autonomía dos portátiles, que poden mercar con baterías de ata 9
celas (incluíndo por defecto baterías de 6) que no modelo Dell Latitude E6400
con pantalla de 14,1 polgadas podería chegar a durar 19 horas. Amais, as novas
baterías empregan a tecnoloxía ExpressCharge que permite completar o 80% da súa
carga en só 1 hora.
Estes novos del Latitude da serie E, aínda que conten con modelos con pantalla
de 12,1 polgadas e peso de preto de 1 quilo, non serían os agardados
ultraportátiles de baixo custo, pois continuarían a ser equipos de gama media,
mentres que o mencionado E6400 sería incluso de gama alta (o
modelo básico custará 2.399 dólares en EE.UU.).