Os novos auriculares de LG desinféctanse no seu estoxo de carga

xoves, 25 de xuño do 2020 Marcus Fernández

Os auriculares LG HBS-FN6 empregan luz ultravioleta para eliminar as bacterias durante a carga

LG traerá a Europa o mes que vén un par de auriculares sen fíos LG TONE Free (modelos HBS-FN6 e HBS-FN4) que non só gozan de boa calidade de son grazas ao uso de tecnoloxía Meridian Audio, senón que tamén destacan por contar cun estoxo UVnano que elimina as bacterias e os xermes dos auriculares durante a súa carga. Estarán dispoñibles en cor negra mate ou branca brillante.
Estes novos auriculares contan coa tecnoloxía HSP de Meridian, coa que conseguen simular de xeito realista que esteamos a escoitar música mediante altofalantes, á vez que tamén conseguen unha recepción clara da voz. Contan con ecualización con 4 modos para que o usuario poida axustar a reprodución aos seus gustos; o deseño dos auriculares contan cun grande illamento acústico; e para poder escoitar o que acontece ao redor tamén teñen un modo de son ambiental que pode activarse con só premer un botón.
Estes auriculares teñen protección IPX4, son compatibles co Asistente de Google e con Siri e responden a ordes táctiles para a reprodución e o control de volume sen ter que coller o smartphone. Teñen unha autonomía de até 6 horas de reprodución que poden ampliarse até 18 horas grazas ao estoxo de carga, e a principal diferenza entre ambos modelos á venda e que os HB-FN6 serán os que chegarán equipados co estoxo de carga UVnano, que mediante luz ultravioleta prometen eliminar o 99,9% das bacterias E. coli e S. aureus.

Os novos auriculares de LG multiplican por 3 a súa autonomía grazas ao seu estoxo de carga

PUBLICIDADE