Os novos Mac Pro chegarán ao mercado o mes que vén

mércores, 13 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Aproveitando a presentación do novo MacBook Pro, Apple deu conta do feito de que os moi agardados Mac Pro e Apple Pro Display XDR sairán á venda en decembro, rematando así unha espera sumamente longa, xa que o redeseño do Mac Pro anunciouse en abril de 2017 e confiábase que o equipo estivese listo en 2018.
O Mac Pro estreara un deseño cilíndrico en decembro de 2013, que resultou tan revolucionario como problemático, de xeito que resultou ser unha liña de produto imposible de actualizar, polo que Apple tivo que volver a conceptos de deseño semellantes aos que utilizaban dende 2006, deixando abandonados a un bo número de usuarios profesionais durante preto de 6 anos.
Os novos Mac Pro chegarán en decembro a EE.UU. a un prezo que partirá dos 5.999 dólares, mentres que o Pro Display XDR custará dende 4.999 dólares, e aínda que Apple prometeu que teriamos estes produtos dispoñibles este mesmo outono, aínda non confirmaron que vaiamos poder adquirilos en España antes do remate da presente estación.

PUBLICIDADE