Os novos LG Gram preparan a súa chegada as tendas

luns, 30 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

LG levou ao CES de Las Vegas a nova xeración dos seus portátiles LG Gram, auténticos referentes no mercado polo seu peso contido e a súa grande autonomía, e finalmente as versións con pantalla de 17 polgadas e gráficas nVIDIA GeForce RTX 3050 con 4 GB de memoria chegarán ao mercado en febreiro, sendo uns equipos moi interesantes para quen precise un portátil de grande tamaño e bo desempeño, que cunha única carga poida superar as 20 horas de reprodución de vídeo.
Aínda que os equipos LG Gram con pantallas de 14 polgadas poden presumir de ter un peso de só 999 gramos, no caso do modelo con 17 polgadas e tarxeta gráfica discreta o peso sube até os 1,45 quilogramos, o que segue a ser un peso moi contido para un ordenador tan completo. Falamos dunha máquina cun procesador Intel Core de 13ª xeración, até 32 GB de memoria LPDDR5, até 2 TB de almacenamento NVMe, gráfica nVIDIA GeForce RTX 3050 con 4 GB de memoria, pantalla IPS de 17 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.600 píxeles e un brillo de até 400 nits (VRR), dous altofalantes de 3 watts, 2 portos Thunderbolt 4, 2 portos USB 3.2, 1 porto HDMI, lector de tarxetas microSD, webcam Full HD con sensor de infravermellos e resistencia MIL-STD-810G.
Espérase que estes equipos cheguen ao mercado estadounidense a un prezo de entre 1.999 e 2.299 dólares en función da súa configuración, polo que podemos contar con que o seu prezo en España supere sobradamente os 2.000 euros, na liña do prezo que teñen este tipo de equipos de alta gama, aínda que no resto de equipos da familia LG Gram que chegarán ao longo do ano si poderemos atopar configuracións máis contidas e prezos bastante máis asumibles (actualmente hai modelos da serie por menos de mil euros).

PUBLICIDADE