Os novos Honor 50 e Honor 50 Pro anúncianse para o mercado chinés

mércores, 16 de xuño do 2021 Marcus Fernández

Que a vindeira xeración de móbiles insignia de Honor foxen chegar ao mercado cos servizos de Google agora que a marca non pertence a Huawei era unha magnífica nova para moitos seareiros dos seus produtos, pero no podemos esquecer que estamos ante unha liña de produtos que, aínda que a nivel de deseño poidan resultar moi próximos aos Huawei P50, os Honor 50 e Honor 50 Pro son produtos dunha gama inferior, polo que non poderán ocupar totalmente o oco deixado por Huawei no mercado europeo.
O Honor 50 Pro sería o novo móbil insignia da súa marca, cun procesador Qualcomm Snapdragon 778, 8/12 GB de RAM, 128/256 GB de almacenamento, pantalla AMOLED Full HD+ de 6,72 polgadas cun refresco de 120 Hz, cámara traseira cuádrupla cun sensor principal de 108 Mpíxeles, cámara frontal dobre cun sensor principal de 32 Mpíxeles, batería de 4.000 mAh con carga rápida de 100 watts, 5G, Wi-Fi 6, Bluetooth 5.2 e un prezo de 3.699 iuans para o modelo con 8 Gb de RAM e 256 GB (482 euros), o que parece un prezo bastante axustado para un smartphone tan completo.
Pola súa banda, o Honor 50 é algo máis modesto, reducindo a súa pantalla a 6,57 polgadas, presentando só unha cámara frontal de 32 Mpíxeles e optando po runha batería de 4.300 mAh con carga rápida de 66 watts, concesións que levan a que custe 2.699 iuans con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento e 2.999 iuans con 256 GB de almacenamento (352 e 391 euros respectivamente), o que fai que esteamos ante un dispositivo aínda máis popular, con moitas bazas para converterse nun éxito de vendas sen consegue unha boa distribución.
Polo momento non se realizou ningún anuncio oficial sobre a comercialización dos novos produtos de Honor no mercado europeo, pero o feito de que se esforzasen en volver a empregar os servizos de Google parece deixar claro que a súa intención é que a marca recupere o pulo que tiña baixo o paraugas de Huawei.

PUBLICIDADE