Os nosos primeiros Hubs de Innovación Dixital impulsarán a transformación das PEME

xoves, 2 de maio do 2019 Redacción

A nosa terra quere ser un referente nas tecnoloxías que fraguan o futuro: a Internet das Cousas (IoT polas súas siglas en inglés), a información a gran escala (Big Data) e a Intelixencia Artificial (IA). Proba diso é a vindeira posta en marcha dos primeiros Hubs de Innovación Dixital de Galicia, que centrarán a súa actividade en achegar ás pequenas e medianas empresas ás devanditas tecnoloxías, con todas as vantaxes que estas poñen en xogo.
Segundo informou hoxe a Xunta, que apoia a creación destas iniciativas, estas estarán operativas ao cen por cen a partir de 2020.
Un hub, para quen non o saiba, é un espazo de emprendemento cuxos integrantes traballan xuntos, cooperan e forman unha comunidade: unha fronte común diversa pero unificada a prol do desenvolvemento tecnolóxico.
Estes hubs que foron presentados hoxe veñen da man do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA) e o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), “co obxectivo de “estender o impacto positivo da innovación ás pequenas e medianas empresas galegas”. Na creación dos dous polos de emprendemento participaron máis de 240 axentes.
O proxecto impulsado por CEAGA beneficiará a sectores como o motor, o agroalimentario, o naval, o forestal e o téxtil, mentres que o impulsado por Bioga prevé ofrecer servizos ás cadeas de valor da biotecnoloxía, a saúde, o forestal, o agroalimentario e o ámbito mar-industria.
Estas iniciativas contan coa participación doutros clústeres, centros tecnolóxicos, grandes empresas tractoras e compañías tecnolóxicas, ademais das universidades. No caso do polo liderado por CEAGA participan outros clústeres como ACLUNAGA, CLUSAGA e o Clúster TIC; empresas como Nueva Pecanova, Clun, Textil Lonia, os estaleiros Barreras e Freire, PSA, GKN, ENECE, Cupa ou Navantia; firmas do eido tecnolóxico como Televés e R; así como os centros Aimen, ANFACO-CECOPESCA, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), CTAG, Cetim, Gradiant e Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG); ademais das tres universidades galegas e da fundación FEUGA.
No hub liderado por Bioga, entre os participantes repiten Clun, Nueva Pescanova, Televés, CLUSAGA, o Clúster TIC, o CESGA, Gradiant, ANFACO-CECOPESCA e a Universidade de Santiago de Compostela. A maiores, colaboran neste proxecto outras empresas (como Mestrelab e Vodafone España) e clústeres (como o da Saúde e o da Madeira), así como a Fundación Kaertor.
En total, prevese destinar a estas novas iniciativas de emprendemento e innovación (e aos seus usuarios) máis de 20 millóns de euros de apoios públicos. Así, durante este ano e o que vén, a Xunta, no marco da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia e o Plan Galicia Innova, así como da Axenda 4.0, proporcionará axudas económicas de ata 200.000 euros por cada hub, así como “asesoramento experto para a súa axeitada articulación”.