Os nosos expertos en aprendizaxe máquina teñen até o día 20 para enviar contribucións ao cuarto MLWG

venres, 6 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

O prazo para a achega de traballos á cuarta edición do Machine Learning Workshop Galicia estará aberto até o 20 de setembro. Segundo informa a organización do evento (o CITIC e maila Facultade de Informática da Coruña), aceptaranse dous tipos de contribucións, tanto se proceden do ámbito académico (artigos que describan novos métodos ou que avalíen as técnicas máis novas existentes) como do empresarial (artigos aplicados que mostren casos de éxito en métodos de aprendizaxe automática para solucionar problemas concretos da industria). A cuarta edición do MLWG celebrase o 17 de outubro na FIC.
Ás súas costas, o evento ten os mellores precedentes, non só polas temáticas a tratar (a aprendizaxe máquina é hoxe un referente en calquera eido do coñecemento), senón pola importante repercusión das anteriores edicións: despois do éxito cultivado en Santiago de Compostela (WGML2016 e WGML2017) e Vigo (WGML2018), con múltiples relatorios e máis de 100 participantes entre investigadores e empresas en cada unha delas, o WGML chega agora á súa cuarta edición.
Segundo informa o CITIC, o evento servirá de punto de encontro para a industria e a comunidade investigadora con interese nas tecnoloxías asociadas ao ámbito da aprendizaxe máquina, un eido da Intelixencia Artificial que se converteu “nun referente en case calquera ámbito de investigación”, debido, sobre todo, ao afianzamento das tecnoloxías Big Data (análise da información a gran escala), a mellora nos algoritmos de aprendizaxe e a aparición do Deep Learning (aprendizaxe profunda).
O 2 de setembro abrirase o rexistro de asistencia, que pechará o 12 de outubro.
A edición do ano pasado
O Machine Learning Workshop Galicia 2018 foi un dos grandes eventos do ano no ámbito das máquinas pensantes e con capacidade de tomar decisións. A cita desbordou finalmente as previsións de asistencia e repercusión: celebrada na sede de Afundación en Vigo, contou coa participación de 170 asistentes, entre especialistas de universidades e centros de investigación e profesionais de empresas.
O simposio, que naceu hai catro anos froito da colaboración entre outros tantos centros de investigación referentes na nosa terra (o centro AtlantTIC da UVigo, o Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA; o CITIC da UDC e o CiTIUS da USC), serviu entre outras cousas para pór de relevo a ampla potencialidade do Machine Learning, un ámbito de investigación que se centra en crear programas capaces de xeneralizar comportamentos nas computadoras, é dicir, que fai realidade a aprendizaxe de pautas para rendibilizar e mellorar cousas como sistemas de busca, análise de textos, análise de redes sociais, recoñecemento de obxectos e facianas, procesado do ADN, recoñecemento da fala, analítica de datos médicos ou aplicacións para a intelixencia do negocio.

PUBLICIDADE