Os nosos enxeñeiros industriais mostrarán nunha xira as vantaxes de subir a nosa PEME ao carro dixital

venres, 22 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

O Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) vai comezar unha xira informativa pola nosa terra para divulgar as vantaxes e potencialidades da súa Oficina de Transformación Dixital. O percorrido, que se desenvolverá polas sete grandes cidades galegas, presentarase na Coruña este 26 de febreiro. En total, estamos a falar dun programa de 124 xornadas de difusión que ten previsto o seu remate no mes de setembro. As actividades son de balde e libres para todas as empresas.
Á presentación da OTD na Coruña seguiralle a do 27 de febreiro en Ferrol, o 28 de febreiro en Lugo, o 1 de marzo en Santiago de Compostela, o 6 de marzo en Ourense, o 7 de marzo en Pontevedra e o 8 de marzo en Vigo.
Durante os seguintes meses a campaña divulgativa centrarase en aspectos como a forma de tirar partido da realidade aumentada, as oportunidades da impresión 3D, as solucións que permite a análise da información a gran escala (Big Data), o desenvolvemento da mercadotecnia dixital, a Intelixencia Artificial, a robótica, a dixitalización dos almacéns coa loxística 4.0, a aplicación da tecnoloxía blockchain aos negocios, as achegas do uso de drons nas empresas ou a utilidade da ciberseguridade ante os riscos dixitais.
Ao fío da relevancia da xira e das xanelas informativas que se abren para o noso tecido produtivo, o decano do Colexio, Oriol Sarmiento, explicou que “o colectivo galego da enxeñaría industrial aposta pola transformación dixital da empresa galega contando con numerosos profesionais que poden axudar neste proceso”. Neste senso, o obxectivo da entidade galega como Oficina de Transformación Dixital é “que os asistentes a estas xornadas poidan ver como se aplican de maneira práctica as tecnoloxías nas que se basea a transformación dixital das empresas”. Ademais, exporanse casos de éxito que poden servir ás PEME galegas para afrontar os retos dixitais.
As OTD
As Oficinas de Transformación Dixital postas en marcha en toda España polo Ministerio de Economía e Empresa, a través da entidade pública Red.es, contan cun orzamento global de cinco millóns de euros. As actuacións a realizar serán financiadas con cargo ao Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE), Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) do período de programación 2014-2020 e baixo a lema Unha maneira de facer Europa que ten entre os seus obxectivos mellorar o uso, a calidade e o acceso ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).
Esta iniciativa execútase en paralelo ao programa de axudas Asesores Dixitais, dotado con outros cinco millóns de euros a través do mesmo tipo de Fondos Europeos e ten por obxectivo realizar Plans de Dixitalización que axuden ás PEME a incorporar o TIC nos seus procesos: xestión do negocio, relación con terceiros, comercio electrónico e dixitalización de servizos ou solucións.

PUBLICIDADE