Os nosos enxeñeiros en Informática colaborarán como expertos no plan estratéxico do CITIC

mércores, 7 de xaneiro do 2015 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG, anunciou esta semana que vai participar como entidade experta no desenvolvemento do plan estratéxico do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, o CITIC da Coruña. Isto significa, entre outras cousas, que a entidade profesional que preside Fernando Suárez colaborará arreo na elaboración da folla de ruta do centro tecnolóxico ao tempo que achegará a súa experiencia e os seus puntos de vista na identificación das tendencias tecnoloxías máis acaidas, idóneas e potencialmente rendíbeis para a nosa terra (dende o CITIC para a nosa terra). O CPEIG non estará só neste cometido, de feito formará parte do pano de expertos Asistencia Técnica para a Elaboración dun Plan Estratéxico para o CITIC.
Po certo que será o propio presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, quen participe en representación das persoas colexiadas nas distintas mesas e consultas previstas para levar a cabo, nun prazo de tres meses, o devandito plan estratéxico. O CPEIG tamén informou que “agradece ao CITIC a confianza depositada no colexio para contribuír a deseñar a folla de ruta do centro tecnolóxico impulsado pola Universidade da Coruña”.

PUBLICIDADE