Os nosos desenvolvedores Python farán fronte común na nova edición do PyDay Galicia

venres, 5 de maio do 2017 Redacción

Participantes na primeira edición do PyDay Galicia, o ano pasado

O vindeiro 10 de xuño vaise celebrar nas instalacións do museo MARCO de Vigo un evento que é tecnolóxico, de natureza libre (por formato e por contido) e eminentemente dinámico e práctico. Trátase do PyDay Galicia, unha xuntanza quere servir de escenario para que as nosas comunidades de desenvolvedores Python mostren o variado e vizoso potencial desta linguaxe aberta de programación. Haberá charlas, citas, encontros e obradoiros, todo de balde e todo dirixido, especificamente, a fomentar a difusión de coñecemento e a promoción da cultura tecnolóxica.
O PyDay vén da man das comunidades de Python de todo o mundo. De feito, celebrarase de maneira simultánea, nesa mesma data, nunha chea de localidades dunha manchea de países. Da edición galega vaise ocupar o grupo de Python Vigo. Segundo lembran, a primeira edición do encontro foi un éxito de participación e de resultados.
O evento está na súa fase aceptación de charlas e participantes polo que os interesados en colaborar dun modo máis activo están convidados a mandar a súas propostas. Como novidade nesta edición, a organización apunta que contará con dúas pistas de conferencias, para todos os niveis, e obradoiros para tódalas idades sobre diversas tecnoloxías.
Segundo lembran dende Mancomún, este chamamento chega acompañado do anuncio da creación en Vigo do agregador dos diferentes citas tecnolóxicas da cidade, Vigotech Alliance, no que participan as dez asociacións máis referenciais de desenvolvedores e técnicos TI da cidade e a súa contorna. Son as que citamos deseguido: Agile Vigo, Codesign Project, GDG Vigo, Grupo de Usuarios de Joomla de Vigo, JavaScript Vigo, PHPVigo, PythonVigo, SysAdmin Galicia, VigoJUG e VigoLabs.

PUBLICIDADE