Os nosos centros tecnolóxicos queren impulsar a fórmula (infalíbel) do coñecemento

xoves, 31 de marzo do 2016 Redacción

Manuel González Penedo, coordinador do CITIC

Este 29 de marzo celebrouse en Compostela o Foro Universidade, Coñecemento e Desenvolvemento Intelixente, organizado polo Grupo Correo Gallego e co obxectivo fundamental de “defender a contribución da universidade galega ao desenvolvemento económico e tecnolóxico baseado no coñecemento”. No encontro participaron, entre outros relatores, o coordinador do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC), Manuel González Penedo, o director do CIMUS, Carlos Diéguez González, o director de Gradiant, Luis Pérez Freire, e a responsábel de Innovación de Nanogap, Eldara Rodríguez Cobo. Todos eles interviñeron, moderados por Manuel Varela (director de Axencia Galega de Innovación), na segunda mesa redonda da xornada, que versou sobre as Prioridades e retos para impulsar un desenvolvemento en Galicia baseado no coñecemento.
González Penedo salientou a esencia do CITIC como “un centro tecnolóxico que desde os seus inicios buscou sinerxías co sector produtivo, xa sexa privado ou institucional, e que non se centra unicamente na transferencia senón que tamén existe unha forte aposta pola investigación básica”.
A inauguración do acto correu a cargo de Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen afirmou que “as grandes revolucións tecnolóxicas acontecidas durante o pasado século e o presente teñen como principal protagonista a universidade”. Acompañoulle José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades.
A continuación tivo lugar a primeira das dúas mesas redondas, desenvolvida baixo o epígrafe Características e activos da investigación universitaria: a programación estratéxica do SUG, na que participaron Salvador Naya, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Isabel Rodríguez-Moldes, vicerreitora de Investigación e Innovación da USC, Javier Bueno, vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo da USC e Coordinador do Campus Terra, e Javier Pereiro, director xerente do FEUGA.
Os relatores falaron entre outras cousas sobre o investimento destinado a investigación na nosa terra, tanto por parte do Estado como por parte das empresas privadas, salientando “a necesidade de promover unha cultura emprendedora e novos modelos de financiamento”.
Patrocinio Morrondo Pelayo, presidenta da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), foi a encargada de clausurar a xornada.

PUBLICIDADE