Os móbiles para desenvolvedores de Firefox OS serán de fabricación española

martes, 22 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

A compañía española Geeksphone, que xa colocara no mercado dos smartphones baseados en Android, presentou hoxe en Madrid os primeiros móbiles destinados aos desenvolvedores do futuro sistema Firefox OS, para o que contan coa colaboración de Telefónica e da Mozilla Developer Network.
Estes novos terminais móbiles están pensados para probar as capacidades reais de Firefox OS, para poder desenvolver as súas aplicacións e probalas nun dispositivo real e non ter que basear o proceso unicamente en emuladores, o que pode lembrar aos móbiles Nexus de Google, aínda que desta ocasión os smartphones non estarán dispoñibles para usuarios finais.

Os móbiles para desenvolvedores de Firefox OS estarán fabricados por Geeksphone

Os primeiros móbiles con Firefox OS fabricados por Geeksphone serán o Keon (con procesador Qualcomm 7225A a 1 GHz, pantalla de 3,5 polgadas e cámara de 3 Mpíxeles) e o Peak (con procesador Qualcomm 8225 de dobre núcleo a 1,2 GHz, pantalla de 4,3 polgadas e cámaras de 8 e 1,3 Mpíxeles), que poderán verse en vivo na vindeira edición da Campus Party Brasil, que botará a andar o 28 de xaneiro. Estamos ante uns móbiles cunhas prestacións bastante limitadas (512 Mb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno, procesadores propios dos móbiles con Android máis baratos e baterías de só 1.580 e 1.800 mAh) polo que enténdese que entre as virtudes que agardan para os móbiles que funcionarán con esta plataforma baseada en HTML5 estará o seu prezo axustado.
Para promover o desenvolvemento de aplicacións para Firefox OS, o vindeiro 26 de xaneiro dende Firefox organizan en máis de 20 localizacións de todo o mundo o Firefox App Day, que no caso español terá lugar en Madrid.

PUBLICIDADE