Os móbiles avanzan como método de pagamento para o transporte público

luns, 2 de decembro do 2019 Marcus Fernández

Aínda que historicamente o NFC integrado nos iPhone está moi limitado en funcionalidades, isto vai mudando paseniñamente, e agora anuncian que é posible realizar Apple Pay para pagar no transporte público londiniense, servizo que é compatible con numerosas tarxetas contactless e cos principais servizos de pagamento móbil, pero a novidade é que nas viaxes nas liñas de Transport for London poderán tirar proveito do Express Mode de Apple Pay, que permiten empregar o iPhone ou o Apple Watch para pagar sen ter que identificarse con Face ID ou Touch ID, ou sexa, coma se tivésemos directamente unha tarxeta contactless.
Os pagamentos móbiles están a avanzar cada vez máis de xeito que a subscrición de tarxetas de transporte locais podería converterse nalgo do pasado. Por exemplo, a Empresa Municipal de Transportes de Madrid (EMT) iniciou o pasado venres a segunda fase de implantación do sistema de pagamento con tarxeta e a través de dispositivos móbiles a bordo da totalidade do seu servizo de autobuses. Este sistema de pagamentos é compatible con tarxetas American Express, Mastercard ou VISA tanto físicas como virtualizadas nun dispositivo móbil.
O uso de sistemas de pagamento móbil en medios de transporte supón unha clara vantaxe para os usuarios, que non precisan de levar efectivo nin de adquirir previamente bonos de transporte, á vez que tamén axilizan considerablemente o acceso aos vehículos.

JPEG - 146 KB
Os sistemas contactless resultan moi naturais para o control de acceso aos medios de transporte público londinienses

PUBLICIDADE