Os mandos de Xbox Series X/S funcionarán en iOS

venres, 20 de novembro do 2020 Marcus Fernández

Nos últimos anos os mandos de Xbox convertéronse practicamente nun estándar para xogar en PC, tras a incorporación de conectividade Bluetooth, tamén en moitos dispositivos móbiles, pero coas Xbox Series X/S, dispoñibles dende a semana pasada, chegou un novo mando sen fíos, que presume de ser compatible con Xbox Series X/S, Xbox One, PC e Android, engadindo como anotación que en breve será compatible con iOS, promesa que confirma a páxina web de soporte de Apple, onde aseguran que «Microsoft e Apple traballan estreitamente para ofrecer aos seus clientes compatibilidade co mando Xbox Series X nunha futura actualización».
Temos así unha grande nova para os usuarios de iPhone e iPad, que poderán utilizar en breve o que posiblemente é o mellor mando para xogos do mercado dentro da gama de consumo, que ten un prezo bastante axustado (59,99 euros), ten un tamaño máis compacto que o mando de Xbox One, incorpora unha cruceta dixital baseada no mando Elite para Xbox One, os seus gatillos teñen textura e os botóns de compartir melloraron a súa ergonomía.
Que este mando vaia poder operar directamente en equipos de Apple é unha magnífica nova agora que o servizo de xogo na nube GeForce Now está dispoñible en iOS a través de Safari, vía pola que tamén chegará Stadia en breve. Tamén é bastante probable que Project xCloud atope un oco en iOS, de xeito que os xogos de PC e consola que tradicionalmente xa se podían manexar con mandos de Xbox, poderán manter o mesmo accesorio para o seu control en dispositivos móbiles, o que supón unha experiencia moi satisfactoria para os usuarios.
Cómpre lembrar que, aínda que a conectividade Bluetooth permite ter separados os dispositivos con IOS e o mando de Xbox a certa distancia, existen accesorios que permiten soster un smartphone sobre o mando de Xbox, converténdose así nunha especie de consola portátil, o que para moitos é o xeito definitivo de xogar en mobilidade.
Polo momento descoñécese se os mandos DualSense de PlayStation 5 contarán con tantas facilidades para o xogo en distintos dispositivos.

PUBLICIDADE