Os mandos da Switch Lite poderían dar os mesmos problemas que os da Switch orixinal

luns, 30 de setembro do 2019 Marcus Fernández

No verán xurdiu un grande problema cos mandos da Nintendo Switch orixinal, alcumado Joy-Con Drift, que consiste en que os mandos detectan movementos cando ninguén os está a tocar, no que parece ser un defecto de fabricación ou de deseño que ten un impacto masivo, e que nos EE.UU. estarían corrixindo de balde en consolas que incluso estivesen fóra de garantía, como reacción a unha demanda colectiva que aínda non chegou a xuízo e á que convidan a unirse tamén a usuarios da Nintendo Switch Lite, consola que só leva uns días no mercado e que, polo que están a manifestar bastantes usuarios, tamén padecería o drift pese a contar cun deseño que faría pensar que os mandos analóxicos estarían corrixidos.
Moitos meses pasaron antes de que se soubese que o fallo nos Joy-Con era algo masivo, pero que en poucos días xa se asegure que a Switch Lite ten un defecto semellante resulta alarmante, xa que falamos dunha consola totalmente nova, e dun deseño no que os mandos están integrados, de xeito que para unha reparación dos mesmos o usuarios ten que quedar sen a consola enteira, e non só cuns mandos extraíbles doados de substituír.
Algúns usuarios aseguran que os mandos da Nintendo Switch Lite comezaron a fallar ás 20 horas de uso, ou sexa, que fallarían moitísimo antes que os da Switch orixinal, o que resulta tan frustrante como preocupante. Aínda que actualmente todas a Switch Lite estean en garantía, o feito de que poidan ter un defecto de fabricación ou de deseño pode converterse nunha grande molestia, especialmente por ter que deixar de gozar da consola cada vez que sexa preciso levala a reparar.
Polo momento Nintendo non realizou declaracións ao respecto.

PUBLICIDADE